Nigrán conclúe o seu programa “Música nas Parroquias” coas festas do Bo Xesús da Paciencia en Priegue

O Concello de Nigrán conclúe esta fin de semana co Bo Xesús da Paciencia de Priegue o seu programa “Música nas Parroquias” que permitiu celebrar todas as festas patronais do municipio, xa que novamente ou ben non se constituíron comisións organizadoras por mor da crise do Covid-19 ou estas tiveron totalmente limitada a posibilidade de recadar fondos. Neste caso, o Concello ofrece no Torreiro de Priegue o sábado 4 de setembro ás 17:00 horas a actuación infantil “Caruso-Carulo. El chef mágico” a cargo do Rey Midas e ás 22:30 horas o concerto do Trío Azar, xa ao día seguinte, domingo 5, ofrece o concerto da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia. Adicionalmente, o C.R.C. O Torreiro e a AA.VV. A Irmandade ofrece o venres 3 verbena con “Ritmo Latino” ás 22:30 e o domingo 5 a partir das 19:00 os concertos de “Three Roosters”, “Roiben” e “Swing Navia Band”.

O Concello aumentou o orzamento de 20.000 € a 60.000 € (coa colaboración de 12.000 € do Plan Concellos 2021 da Deputación) para que, coincidindo con cadanseu día grande, a veciñanza de cada parroquia o puidese festexar con sesión vermú e/ou nocturna e, a maiores, actividades pensadas para os cativos. Desde o goberno local adaptouse a programación á demanda de cada entidade implicada xeralmente na organización das festas.

“O ano pasado ofrecemos as actuacións das bandas de música en sesión vermú e actividades infantís; este ano aumentamos o orzamento para que puidesen dispor dalgún concerto máis á súa elección, dado que a situación sanitaria é mellor. Desde o Concello queremos que se manteña a tradición de xuntarse a veciñanza para festexar respectando ao mesmo tempo todas as medidas de seguridade que sexan precisas”, indica o alcalde, Juan González. Así, grazas a este programa municipal actuou Broken Peach en Panxón, Serafín Zubiri no Ceán, A Roda en Camos, América en Lourido, Bruxo Queimán en San Pedro, A Banda da Loba en Nigrán, Prosi en Parada, Cherry Sweet en Priegue e La Banda de Ayer en Vilariño e agora conclúe en Priegue.