Baiona remata as obras de mellora do espazo peonil da Foz do Miñor

O Concello de Baiona vén de rematar as obras de mellora do espazo peonil da Foz do Miñor, no tramo que percorre o interior da calzada en paralelo ao paseo marítimo. A intervención, valorada en 25.236 euros, financiouse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As accións leváronse a cabo tanto na propia senda como na ponte de madeira situada sobre o tramo final do río Groba.

O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, explicou que a ponte renovouse por completo, dispoñendo taboleiros máis anchos, de 45 milímetros fronte aos anteriores de 25 milímetros, e mellorando a varanda. “A finalidade é incrementar a durabilidade e a seguridade”. Con respecto aos postes e as cordas, acordouse a substitución dos que presentaban un elevado grado de deterioro e tratáronse os que estaban en mellores condicións. Colocáronse novos bancos e papeleiras, sometendo a reparación os xa existentes.

O Alcalde, Carlos Gómez, destacou que esta é a terceira actuación no paseo marítimo ao seu paso por Sabarís, logo das restauracións integrais levadas a cabo nas dúas pontes de madeira que discorren pola parroquia, “esquecidas dende fai anos polos anteriores grupos de goberno”.