A Peña Moteros Val Miñor colabora na organización do Trial das Nacións en Gouveia

Gouveia, localidade portuguesa situada na Serra da Estrela, no Distrito da Garda, Rexión Central, volverá ser escenario das grandes citas internacionais do mundo do motor das dúas rodas. Tras un ano en branco, debido á Covid-19, Talentos Objetivos é a organizadora, do 17 ao 19 de setembro, da última fase do Trial das Nacións, por concesión da Federación Internacional de Motociclismo, que recoñece o bo facer do club portugués, asesorado na montaxe técnica e na dirección de carreira pola Peña Moteros Val Miñor, entidade galega que atesoura unha gran experiencia neste tipo de probas.

Á gran cita hai que sumarlle a organización do Campionato do Mundo Feminino da especialidade nas categorías Trial GP Women e Trial 2 Women, xa programadas por Talentos Objetivos, ás que tamén se incorporarán as do Trial GP e Trial 2, tras suspender Inglaterra as que ía celebrar do 8 ao 10 de outubro, debido ás restricións sanitarias derivadas da pandemia, todo iso nunha soa xornada, a do sábado 18 de setembro, previa ao Trial das Nacións portugués.

A Peña Moteros Val Miñor xa prepara o seu amplo dispositivo para facerse coa marcaxe das 12 zonas que configurarán o percorrido técnico do Trial das Nacións, un grupo humano próximo ás 40 persoas que coñece moi ben o terreo e o traballo a desenvolver neste tipo de probas de campo.

Nano Ferro, adxunto á dirección de carreira, posúe unha ampla experiencia. “Para a Peña Moteros Val Miñor é un gran orgullo que, cando a Talentos Objetivos encargáronlle a organización da súa GP de 2018, desde a FIM dixésenlles que podían contar connosco para botarlles unha man na súa organización… Talentos Objetivos é un club que tradicionalmente se dedica ao Enduro e apenas tiñan experiencia organizando triais… Acudiron ao TDN de Baiona en 2017, expuxéronnos a posibilidade de axudarlles e o mesmo que cando pedimos axuda gústanos ser correspondido… non podiamos dicir que non…”. “A partir de aí, creouse un vínculo de amizade importante e que dura no tempo; xa estivemos con eles tamén en 2019 no seu mundial, convidáronnos a participar como colaboradores da Federación Motociclista de Portugal nos 6 Días de Enduro en Portimao en 2019 e continuamos con eles… e eles connosco”, continúa explicando Ferro, que finalizaba dicindo que “Particularmente, para min, formar parte da dirección técnica do evento, faime sentir como na casa… coma se estivésemos en Baiona; o deseño da carreira, a xestión da montaxe de zonas e a dirección da Competición facémola xuntos… xa digo… como na casa…”.

A diferenza das citas que se están disputando en España, Gouveia alberga a esperanza de poder celebralas coa presenza de público e afeccionados nas zonas. Todo dependerá das restricións sanitarias que as autoridades lusas indiquen nesas datas.