
12 voluntarios de Proxecto Ríos de Gondomar e bisbarra quedaron este domingo como desde fai 12 anos na Ponte do Matadoiro de Gondomar ás 10 da mañá. Percorreron 3 quilómetros en diferentes treitos dos ríos Zamáns e Miñor. Retiraron case 100 kg de lixo, maioritariamente plásticos. Desta volta interviñeron moito máis que outros anos no leito do río, retirando plástico moi vello que estaba mimetizado coa area e as arxilas.
Este ano atoparon menos lixo nas beiras e nos camiños dos ríos, pero practicamente o que atoparon, como os últimos catro anos, é lixo xuvenil. En dous puntos concretos: debaixo do acueduto do Bravo, patrimonio senlleiro catalogado, e nun salgueiro situado a escasos 150 metros río abaixo do campo de fútbol das Cercas, que leva moitos anos servindo de acubillo e de soporte da rapazada.
“Creemos que falla algo na sociedade cando o patrimonio sufre este trato por parte dun sector da sociedade. Pais, docentes e Concello teñen que tomar nota. A educación é capital para crear sensibilidade cara o patrimonio material e natural. Por outra banda as medidas coercitivas, multas… son necesarias para frear estas actuacións. O Concello ten moito que facer, divulgando e utilizando o aparato propagandístico que ten para mellorar esta situación”, apunta Pablo Casal, coordinador de Proxecto Ríos en Gondomar.
“Non podemos pensar que limpando unha vez o ano van a solucionarse as cousas. Os cursos fluviais teñen que estar limpos a maior parte do ano senón todo. A foto de hoxe está moi ben pero para mollarse polos ríos de verdade hai que traballar en varios ámbitos e chegar a comprometerse de verdade. Estamos ante un problema de saúde pública, os plásticos están, por desgraza, nos nosos alimentos e bebidas. É tarefa de todos reverter isto; reducir, reutilizar, reciclar e limpar todo o que se poida os cursos fluviais e a costa. Por non falar das plantas e árbores invasoras que hai”, conclúe Casal.