Os comercios sacarán á rúa os seus produtos na iniciativa “Baiona en Vela”

Este venres celebrouse no Concello de Baiona a Mesa Local de Comercio, á que asistiron o Alcalde, representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) e a Asociación de Profesionais Baipraza, na que se trataron diferentes temas, entre eles unha iniciativa en apoio ao Comercio Local, “Baiona en Vela”, evento posto en marcha a través da colaboración entre ACEBA e o Concello de Baiona.

“Baiona en Vela” celebrarase o 4 e 5 de setembro desde as 10:00 ata as 22:00 horas na Rúa Carabela a Pinta, coincidindo coa Regata Príncipe de Asturias e a Volta Ciclista a España (que pasa por Baiona).

Elixiuse a Rúa Carabela a Pinta debido ao seu ambiente agradable e seguro, onde se aproveitará unha das zonas peonís do Centro Comercial Aberto “Baiona Real”. Os comercios sacarán á rúa os seus produtos coa intención de dinamizar e incentivar o comercio local durante ambos os dous días, especialmente, nestes tempos duros que atravesa o sector.

Finalmente, falouse de futuras campañas, as cales se empezarán a traballar a partir do mes de setembro.

Carlos Gómez di que “o apoio ao comercio é indispensable para o noso Concello, e con esta nova iniciativa pretendemos incentivar a compra a nivel local, como se fixo coa campaña de Nadal. Este apoio é incondicional, xa que desde hai moitos anos é un sector que foi obviado polos anteriores gobernos locais”.