O Barbeira Season Fest arranca con forza ao son de Radio Pesquera, Basanta e Baiuca

O Barbeira Season Fest de Baiona arrancou este venres con todas as entradas esgotadas, un aforo completo e entregado que gozou cos concertos de Radio Pesquera, dos músicos Pablo Novoa e Nono García, e os grupos galegos Basanta e Baiuca, que pechou a xornada de hoxe.

O público comezou a ateigar o recinto a partir das 18:00 horas e desfrutar así do primeiro día da terceira edición dun dos festivais máis agardados do verán en Galicia. Os primeiros en subirse ao escenario Vibra Mahou foron os músicos Pablo Novoa e Nono García co seu proxecto Radio Pesquera, concerto realizado grazas á colaboración de Rei Zentolo. Logo foi a quenda do grupo vigués Basanta. O colofón á primeira xornada do Barbeira Season Fest púxoo Baiuca, o grupo de Alejandro Guillán que mestura a música tradicional galega cos son máis actuais.

Mañá sábado, subiranse ao escenario do festival Carlota, Marcelo Criminal, Malamute, Los Marcianos, La Claridad, o concerto Vibra Mahou de Moura e, para finalizar a xornada, Viva Suecia. A organización informa de que aínda quedan entradas á venda para os concertos do sábado e domingo, que se poden adquirir na web do festival.

Gastronomía e actividades paralelas

Ademais das actividades relacionadas coa gastronomía (“o restaurante máis pequeno do mundo” e “As Catas do Camiño”) o Barbeira Season Fest ofrece outra serie de propostas relacionadas coa Ruta Xacobea, o deporte e a creatividade. O domingo, ás 12:00 horas, o público que o desexe poderá subirse a unha táboa de paddle e ver o directo de Valdivia dende a auga. A isto hai que sumarlle a proposta fotográfica “O Camiño dende o Camiño”, na que poderán participar os veciños e veciñas de Baiona e “Músicos no Camiño”, algúns artistas do cartaz farán un pequeno percorrido dende a praia de Barbeira ata o recinto, e o “Espazo cápsula do tempo”, no que o público poderá deixar unha mensaxe positiva ao seu “eu” do futuro.

O Barbeira Season Fest, organizado pola promotora de eventos Elemental Street, conta co apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22, a Concellería de Cultura do Concello de Baiona e a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, Vibra Mahou cuxos concertos están vinculados á colaboración establecida entra a cerveceira, a Fundación Paidea Galiza e a Escola da Organización Industrial co obxectivo de impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.