SUBGO, un proxecto que achega a riqueza submarina das costas galegas a través da realidade aumentada

Silvia Iglesias e Sara Carrasco, integrantes da cooperativa 13 Grados, son as promotoras de SUBGO, un proxecto de educación ambiental que pretende achegar ao público a riqueza submarina das costas galegas mediante tecnoloxía VR ou realidade aumentada. A iniciativa, que actualmente se acelera no programa de acompañamento ao emprendemento Sherpa Journeys, de Sherpa do Mar, concretarase nun espazo de divulgación itinerante que percorrerá distintas localizacións de interese.

Incluirá fotografías, ilustracións, actividades interactivas e a experiencia inmersiva en 360º polas paisaxes mergulladas da ría de Vigo, que será o prato forte da mostra. “O obxectivo é que os visitantes descubran o medio mariño que lles rodea e o seu gran valor patrimonial dunha forma diferente, concienciándoos sobre a súa conservación e sustentabilidade”, subliña Iglesias.

Para a captación e creación do contido visual, as promotoras do proxecto contan con distintos perfís profesionais (técnicos audiovisuais, biólogos mariños, pilotos técnicos de ROV, etc.) e un sofisticado equipo submarino. Os fondos pouco profundos da ría de Vigo, as súas plataformas de cultivo, os bosques de algas pardas ou as praderías de zostera serán as grandes protagonistas destas imaxes, aínda que o propósito é que a iniciativa poida expandirse a máis localizacións, tanto a nivel galego como a outras rexións.

Fase de desenvolvemento

SUBGO atópase en fase de desenvolvemento actualmente. “Estamos a tomar as imaxes, revisando os contidos, redactando os guións e creando as actividades de experiencia virtual”, comenta Silvia Iglesias.

A previsión é que o proxecto se lance ao mercado nun prazo máximo dun ano e poida expoñerse en posibles localizacións de interese, como centros educativos, de investigación e divulgación científica, museos ou centros de interpretación.

Sherpa do Mar

Sherpa do Mar, con sede en Porto do Molle, é un proxecto integrado no Programa de Cooperación Transfronteiriza INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cofinanciado nun 75% por fondos FEDER, cuxa finalidade é poñer en marcha unha rede transfronteiriza de emprendemento no ámbito mariño-marítimo e da blue economy, a través do programa Sherpa Journeys, que favoreza a xeración de emprego e o incremento de competitividade empresarial a través do impulso de compañías de base tecnolóxica.

O proxecto está liderado pola Universidade de Vigo, a través do grupo de investigación REDE, Campus do Mar e a Oficina de I+D, e nel participan o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e as universidades de Santiago e A Coruña. Por parte de Portugal, participan a Associacão de Transferência de Tegnologia de Asprela (UPTEC), a U.Porto-Innovação da Universidade de Porto (UPIN), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR)e Fórum Oceano-Associação da Economia do Mar.