Esta fin de semana os amantes da escena clown teñen unha cita nas noites de Gondocultura de Verán na primeira edición do Festival de Circo. O venres 27 de agosto, a partires das 21:00 horas, VAIVENCIRCO estará actuando na Praza Paradela co espectáculo “Esencial”. Un espectáculo de transicións, no que cinco personaxes que xogan, que soñan, unha viaxe de aventuras, levarannos a lugares recónditos nos que a decisión vital será toma-lo camiño máis simple.
O sábado 28 de agosto, son LA GATA JAPONESA quen co espectáculo “Los viajes de Bowa” estarán ás 21:00 na Praza Paradela. Bowa, é nómade, orfa de raíces e de soños; mírase guiada por unha obsesión: descubrir que hai tras as mensaxes encerradas en botellas lanzadas ao mar. Un novo lugar no que enterrar as súas raíces e botarse a voar. Maxia, equilibrios, acrobacias aéreas, humor e poesía serán os compañeiros de Bowa nesta viaxe.
E o domingo 29 de agosto, ás 21:00 horas, a BANDA DE MÚSICA DA AGRUPACIÓN MUSICAL DE VINCIOS combina o seu traballo con PISTACATRO para pechar unha fin de semana chea de risas e números circenses con “Orquestra Malabares” en Gondomar.
ORQUESTA DE MALABARES é un espectáculo que pon en escena a seis malabaristas e a música a cargo da Banda Agrupación Musical de Vincios. Un concerto onde os malabares son os bailaríns deste ballet aéreo. Clarinetes, saxos e trompetas son os pintores dun cadro expresionista no que as bolas, mazas e aros debuxan no aire os sentimentos e emocións que transmite a música e o circo.
É necesario reservar as entradas gratuitamente na web https://taquilla.concellodegondomar.gal/
Os amantes da danza e artes corpóreas, tamén terán o seu espazo na primeira fin de semana de setembro en “Corpo a Terra” que nos próximos días darase a coñecer toda a súa programación.


