O fútbol americano chega a Baiona para quedar

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Baiona Conquerors.

Non é Estados Unidos, pero en Baiona o fútbol americano aos poucos vai gañado adeptos. Fanse chamar “Baiona Conquerors American Football” ou o que é o mesmo, os conquistadores de Baiona en honra á noticia do descubrimento do novo mundo da man de Martín Alonso Pinzón, que a lombos da Carabela Pinta arribou na vila en marzo de 1493. A pesar de que se trata dunha modalidade minoritaria, un ano despois da súa fundación teñen o claro obxectivo de competir na liga autonómica a pesar de que tan só existe un equipo máis en toda a provincia, os “Vigo Guardians”, aínda que comezarán por partidos amigables para ir quentando motores e adaptarse ás esixencias deste deporte. Aínda así non descartan, a medio prazo, a posibilidade de formar parte da tempada do país veciño, Portugal, aproveitándose da súa proximidade e onde aseguran que existen numerosos equipos “para poder xogar máis partidos”.

Álvaro Bautista Otero é un baionés de pura raza, presidente do club e un dos seus fundadores ademais de considerarse un tolo da modalidade do mesmo xeito que o seu grupo de amigos. Tras tirarse unha tempada dándolle voltas á cabeza aproveitaron a súa experiencia ao xogar en formacións galegas e de diferentes puntos de España, así que decidiron dar un paso adiante e materializar o que para eles supoñía un soño que comezou coa celebración dun campus de iniciación na categoría sénior, para mozos de máis de 16 anos, tras obter o visto e prace inicial da área de Deportes da localidade. A iniciativa desenvolvida un domingo de xaneiro de 2020 tivo unha acollida brutal anotando a máis dunha trintena de participantes, case todos miñoranos pero tamén do municipio de Oia, entre outros. Sen darse conta a creación do “Baiona Conquerors” comezara. A súa primeira toma de contacto non puido ir mellor, lograron o apoio pleno do Concello e tras contactar cos “Vigo Guardians” e “Cazuza Towers” da Coruña a axuda recibida foi total. Sen pensarllo dúas veces, xogadores e adestradores das dúas agrupacións non quixeron perderse a xornada participando activamente na iniciativa coa cesión de cascos e corazas e de aí naceu o primeiro grupo de xogadores da vila. “Fue la leche”, lembra Álvaro.

Hoxe en día un total de 27 persoas forman parte de maneira oficial do equipo baionés. Para iso tiveron que asinar un documento redactado a modo de compromiso para que eles como club puidesen exporse unha serie de obxectivos, ademais do compromiso de asumir gastos e preparación xa que se trata dun deporte moi esixente desde o punto de vista da forma física. “Hai que adestrar moito para xogar a un nivel aceptable e non che machuquen, pero de todo aquilo saíu un grupo de persoas moi interesante”, explica. Polo momento aínda non puideron disputar encontros debido ás restricións derivadas da crise sanitaria pero é algo que queren empezar a facer canto antes, sumado a que moitos dos integrantes carecen de experiencia no terreo de xogo. Mentres tanto adestran no campo de fútbol de Baredo á espera de que a situación se estabilice, unha vez máis grazas á colaboración brindada desde a Comunidade de Montes, entidade propietaria das instalacións. “Durante estes meses aproveitamos para poñernos ao día e facer toda a papelada para establecernos legalmente”, aclara. Neste sentido, Bautista ten moi claro a importancia das boas condutas dentro da agrupación ao tratarse dunha modalidade na que a testosterona flúe ás súas anchas no ambiente. “Todos teñen que respectar un código de réxime interno. Son normas de conduta como persoas e isto para nós é unha máxima, o seu incumprimento pode ser un motivo máis que xustificado para a expulsión”, sentenza.

Aproveitando a boa relación que teñen cos tres equipos de fútbol americano existentes en toda Galicia, concretarán o máximo número posible de partidos extraoficiais. “O certo é que é traballo de todos, o interese sobre este deporte é crecente e aos poucos iremos aumentando en número”, finaliza.

A importancia de crear canteira: o campus de verán

Para Álvaro Bautista o máis importante á hora de crear un club e que perdure no tempo é a canteira. Precisamente un bo modo de facelo é mediante a celebración dos campus de verán. Este ano é a súa primeira edición en versión estendida con varios días de duración. Ao longo da semana pasada un grupo de nenos de idades comprendidas entre os 12 e 16 anos de idade, a maior parte veciños da vila e arredores, participaron activamente na actividade celebrada no campo de fútbol do Aral de 10 a 14 horas. “Démonos conta de que é moi factible crear equipos de categorías inferiores, xa sexan un, dous, masculino, feminino ou mesmo mixto en función do número de rapaces que se interesen por este deporte”, explica.

Como en calquera actividade o financiamento é fundamental e, colaboracións aparte, ata o de agora custéanse todo do seu propio peto. Aínda que xa solicitaron algunha subvención as cláusulas para optar ás outorgadas polas administracións por exemplo a Xunta impídenlles chegar a elas. E é que o Covid non llo está poñendo fácil porque unha das condicións é disputar encontros ou que o equipo goce dunha antigüidade determinada, algo que solucionarán co paso do tempo. “Hai moitas condicións e contamos con que o próximo ano podamos empezar a recibir axudas que nos faciliten un pouco máis as cousas”, conclúe.