Alberto Meira logra un traballado segundo posto no Carballiño

O equipo AMF Motorsport chegaba coa ambición de lograr unha boa bagaxe de puntos nesta cuarta cita da tempada e maquillar así un inicio de tempada difícil, con dous abandonos consecutivos.

Desde os primeiros compases, Alberto Meira e José Murado saíron ao ataque, cedendo só un segundo co scratch na Saleta, o curto tramo do venres. Pero xa o sábado, por moito que tentaron espremer o Citroën DS3 R5, os tramos técnicos do Rally do Lacón fixeron imposible seguir o ritmo do liderado, así que se dedicaron a defender a súa segunda posición.

Tratando de marcar o seu propio ritmo pola tarde e atacando sobre todo no tramo de Leiro, que era o menos prexudicial para as aptitudes da súa montura, finalmente Alberto Meira conseguía unha traballada segunda posición, avantaxando en pouco máis de dez segundos ao seguinte clasificado.

En palabras do piloto gondomarense: “Aínda que o resultado é positivo o certo é que estamos lastrados mecanicamente respecto aos nosos rivais, xa que en zonas sucias e lentas como nos tramos de Cenlle e Amoeiro, onde o Fabia ou o Polo son realmente superiores, e por moito que atacamos non conseguimos estar nos seus tempos. Pelexamos canto puidemos e ao final este segundo posto é o máximo que podemos sacar co que levamos entre mans”.

Coa segunda posición, Alberto Meira escala varias posicións tanto na xeral do Campionato Galego de Rallyes como o Supercampionato R5 e a Copa Top Ten Pirelli Driver A. A próxima cita para o equipo AMF Motorsport será o Rallye Mariña Lucense, en menos de tres semanas.