Nigrán recupera o seu festival Rock in Patos con “Family Folks” e o grupo tributo a Leño “El Tren”

O Concello de Nigrán recupera este sábado 28 de agosto con “Family Folks” e a banda tributo a Leño “El Tren” o seu senlleiro festival Rock in Patos (o ano pasado foi cancelado ante o incremento de casos Covid-19). Novamente, a zona do mercado de Patos (rúa Cansadoura) coas súas marabillosas vistas á praia de Abra, será o escenario elixido para que os amantes do rock gocen da música en directo. Esta terceira edición, que conta novamente co apoio económico da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos, volverá ser inclusiva grazas ás cinco mochilas vibratorias do Concello de Nigrán para o uso das persoas xordas, así, os interesados en empregalas deben solicitalas previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675. Rock in Patos volverá unir “Rock&Food&Beer” coa presenza de Capitán Filloa e Trisk-Ale cervexas.

“Viviremos un solpor espectacular cara a Praia de Abra coa música en directo de dúas bandas da comarca especialistas neste xénero”, explica Juan González, alcalde de Nigrán, quen aposta por darlle a mesma continuidade ao Rock in Patos que ao Nigranjazz, Solpor, Vive Nigrán ou ChandeFolk. “En Nigrán programamos festivais durante todo o verán para todos os gustos e idades e en espazos espectaculares que poñen en valor o noso municipio”, resume.

O rock de raíces de Family Folks, presente nos seus dous discos “All the Lost Causes” e “The Anvil Sea”, abrirá o festival ás 21:00 horas mesturando o seu son coas ondas do mar, o olor a salitre, a taberna, as raíces folk, as causas perdidas… O grupo está liderado por Bosco Hill (The Last But One, Hill & The Rebolution!) e Rubén Xuárez (Mec mecs, High Serras, Foggy Mental Breakdown) xunto aos irmáns Martín e Jorge López (Los Wavy Gravies, Dead Wood) na sección rítmica, Óscar Liboreiro na guitarra eléctrica e produción e Xabier Vieitez no teclado.

A continuación, sobre as 22:00 horas, Tucho Alonso á guitarra e voz, Bruno Alonso á batería e Joselo Gómez ao baixo e coros poñerán en marcha “El Tren”, considerada como a mellor banda tributo a Rosendo e os éxitos de Leño a nivel nacional, sendo habituais na escena viguesa. Xuntos revivirán á perfección temas míticos como “Maneras de vivir”, “Agradecido”, “Este Madrid”, “Flojos de pantalón”, “Sorpréndete” ou “Qué desilusión”.