A baionesa Iria Ludeña sobe ao máis alto do podio no Descenso Internacional do Miño

Este sábado celebrouse en augas do río Miño ao seu paso pola localidade pontevedresa de Tui o tradicional descenso en piragua. Na proba, que forma parte da Liga Galega de Piragüismo, competiron 527 deportistas de 48 equipos de Galicia e Portugal, das categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano.

A baionesa Iria Ludeña, xunto coa súa compañeira do Club Kayak Tudense, Irea Alonso, conseguiu a vitoria na categoría Cadete K2 nunha distancia de 14.000 metros, cunha marca de 1:08:42. Andrea Rodríguez e Ángela Fernández, do Club Piragüismo Altruán de Ribadeo, ocuparon a segunda posición (1:09:51), mentres que o bronce foi para Martina Pinal e Lucía Rodríguez, do Club de Piragüismo Olívico (1:11:19).

A saída para os competidores da 50 edición do Descenso Internacional do Miño de Tui estivo situada no paseo marítimo de Salvaterra, onde os padeeiros tiveron que correr uns metros para alcanzar as súas piraguas, a poucos metros da auga. Unha vez subidos na embarcación tiveron que percorrer os 17 quilómetros de percorrido ata a liña de meta, situada diante das instalacións do Club Kayak Tudense, organizador do evento.