“O tripartito de Baiona descoñece os terreos que pretende comprar en Cabo Silleiro”

O Partido Popular advirte nun comunicado que o tripartito de Baiona levará a cabo a compra dos terreos das baterías de Cabo Silleiro descoñecendo as lindes das parcelas que adquirirá e nas que se empeña en pagar os 370.000 euros que lle pide o Ministerio de Defensa sen valorar outro tipo de negociación. O goberno local recoñeceu onte en pleno que non sabe onde están situados os 96.626 metros cadrados incluídos na operación porque non coincide o mapa do Catastro co do Rexistro da Propiedade. O Rexistro só especifica que unha das dúas parcelas, a de maior tamaño, delimita polo oeste coa estrada Baiona-A Guarda pero non detalla con quen o fai polo resto do perímetro (unicamente indica que con monte) polo que resulta imposible poder debuxar a parcela real que están a adquirir e que veciños poden estar afectados por iso. “Veciños aos que no seu día arrebataron as leiras e que o tripartito non aclara se lles compensará”, apuntan os populares.

Por tanto, se o Concello leva a cabo a compra nestas condicións cargaríase cun problema grave porque non sabería onde comeza e onde termina a súa parcela cara a poder valala ou acoutala posteriormente para evitar incidentes dos que a administración local sería, automaticamente, responsable dada o perigo actual da zona e un dos motivos polos que o Estado quere desfacerse desde hai anos, mesmo por un prezo moito máis baixo que van pagar agora.

Ademais, e atendendo ao mapa catastral e non ao Rexistro da Propiedade, unha parte importante do tunelaxe militar, entre eles dous canóns, queda fóra do acordo de compra co Ministerio, o que impediría a recuperación adecuada da totalidade das baterías. “O tripartito recoñeceu no pleno de onte todas estas cuestións pero aínda así aseguran que levarán a cabo a compra, aínda sendo conscientes de que non saben realmente que é o que compran e que estes problemas de lindes sumados ás características urbanísticas do terreo (rústico de protección paisaxística integral) impediranlles, mesmo, poñer en valor as baterías. Nestas condicións, o único que sae gañando é o Ministerio, que embolsa diñeiro e quítase un problema”, expoñen desde o grupo municipal popular baionés.

A todo isto, Baiona converteríase nun dos poucos municipios de España que ten que pagar co diñeiro dos seus veciños para recuperar unhas baterías militares. A propia Concellería de Urbanismo do Concello de Baiona, no expediente da compra, pon como exemplos aos gobernos da Coruña, Cartaxena ou Menorca, entre outros moitos que existen, por lograr a concesión das súas baterías de forma gratuíta a través dos trámites administrativos necesarios e que o tripartito que dirixe o socialista Carlos Gómez négase a realizar. “Resulta sorprendente e ao mesmo tempo bochornoso que os veciños teñan que pagar co diñeiro dos seus impostos 370.000 euros por uns terreos que xa eran seus e que, ademais, sexamos os únicos en facelo”, lamentan desde o PP baionés.