Peitieiros volve converterse na capital do folk galego co XXVII Festival Folclórico

Peitieiros acolle a XXVII edición do Festival Folclórico no Adro, unha edición que debido á situación sanitaria debe renunciar ao carácter internacional do que gozaba outros anos, aínda que cunha ampla oferta de folk do país, tradicional e novas propostas innovadoras.

Ademais, desde o mércores hai programadas actividades para tódalas tardes: na súa primeira xornada, unha ruta polos camiños de Peitieiros, que terá como punto de encontro o Adro ás 20:00 horas; o xoves, á mesma hora, Xela Arias, Letras Galegas 2021, charla da escritora Marta Dacosta, amiga da homenaxeada pola Real Academia Galega este ano; e o venres, música na véspera do día grande con Luís “O Caruncho”, Poemas no peito.

O sábado XXVII Festival Folclórico

A partir das 19:30 horas do sábado actuarán o grupo local Ecos e Agarimos e Treboada Son Galego. Asociación Folclórica Santa Baia de Donas. O cartel complétano o dúo Acordeireta, Patricia González e Alejandro Balbuena, acordeón e pandeireta, que estarán presentando o seu primeiro álbum Loitar cantando, selección de poemas musicalizados. Tamén Xisco Feijóo, cantante, bailarín, coreógrafo e presentador de televisión leva que acaba de sacar o seu primeiro traballo discográfico “Peixe”, música tradicional abordada dende o contemporáneo.

A actividade está organizada polo Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros, e conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, a Comunidade de Montes de Peitieiros e a Deputación de Pontevedra.