O Alcalde de Baiona volve reclamar máis sanitarios para o municipio

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde de Baiona.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, como xa o fixo antes de comezar o verán, reclama sanitarios para o concello. Nestes momentos dos sete médicos que forman parte do persoal do centro de saúde tan só hai tres desempeñando a súa labor. Isto implica que teñen que facer xornadas con moita máis carga horaria traballando mañás e tardes. “Debido á cantidade de visitantes que estamos a ter no concello, nesta época estival, a presión que se está levando a cabo sobre os traballadores é brutal e inxusta”, apunta o rexedor.

O Alcalde reitera que non é un problema de falta de profesionais cualificados, senón dun modelo implantado polo anterior conselleiro de sanidade e que o actual mantén. “Neste sistema prima a redución de custes sobre a saúde dos pacientes, deixando á atención primaria totalmente desvalida, sendo os máis afectados os veciños e veciñas de Baiona. O Servizo Galego de Saúde non pode permitir que ano tras ano isto siga ocorrendo”, conclúe Gómez.