Baiona instala 75 novos aparca bicis

O Concello de Baiona acaba de instalar 75 novos aparca bicis que darán soporte para poder ancorar 150 unidades máis por todo o municipio, co obxectivo de converter a Real Vila nun referente saudable na comarca. Baiona tivo a iniciativa de ser das primeiras localidades en contar con praias sen fume, agora a pretensión é a de apostar por un transporte económico á vez que saudable como é a bicicleta.

Non é menos certo, que dunha tempada cara atrás o deporte da bicicleta está en auxe, e aproveitando a orografía de Baiona, o alcalde, Ángel Rodal, decidiu dar un paso máis e apoiar á bicicleta como medio de transporte. O poder circular e explorar a Vila en bicicleta cada vez será máis fácil porque ademais de ofrecer perspectivas impresionantes, pode xogar un papel decisivo para Baiona.

Rodal comenta que “é noso deber como institución máis próxima ao cidadán seguir traballando na posta en marcha de numerosas medidas para fomentar activamente o uso e gusto pola bicicleta potenciando a súa implantación, non só como deporte, senón como medio de transporte viable, aceptado e práctico. Nestes últimos anos mellorouse en Baiona o acceso e seguridade con infraestruturas como o carril bici, e xa comezamos co único tramo que nos faltaba entre Santa Marta e A Ladeira”.

Agora en Baiona vaise máis aló creando 25 localizacións de estacionamento para un total de 150 bicis, nas zonas de maior necesidade, como son os colexios, a Biblioteca, o Pavillón de Deportes, a Oficina de Turismo, o Campo de Fútbol Municipal, o Centro de Saúde, o Concello e o Centro Antena en Sabarís, ademais de 36 aparca bicis dobres ao longo de todo o carril bici Baiona-Ramallosa, nas zonas de máxima necesidade como miradoiros, zonas deportivas e praias para que Baiona siga sendo un referente ambiental e de seguridade.

A totalidade destes 75 aparca bicis dobres son de aceiro inoxidable para soportar mellor as duras condicións da proximidade do mar, mantendo unha elegante estética como os colocados na rúa Carabela Pinta.

2018-11-28 - aparcabicis

Anuncios