O PP de Baiona asegura que durante a súa última lexislatura recadou máis de 442.000 € polo canon eléctrico

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Ángel Rodal nunha sesión plenaria.

O Partido Popular asegura nun comunicado que durante a súa última lexislatura (2015-2019) no Concello de Baiona recadou polo canon eléctrico 441.923,85 euros durante os catro anos, aínda que esta taxa vén gravándose ás empresas eléctricas pola ocupación dos espazos públicos de propiedade municipal desde hai polo menos unha década.

Durante a anualidade de 2016 o consistorio recadou 159.765 euros, tras unha inspección ordenada polo goberno local que logrou incrementar os ingresos en máis de 60.000 euros respecto a anos anteriores. En 2017 foron 93.922,89 euros, en 2018 cobráronse ás comercializadoras eléctricas 94.846,51 euros e en 2019 a cantidade de 93.389,45 euros.

Así, por tanto, case 442.000 euros que recuperaron as arcas municipais por este canon eléctrico en só catro anos durante o último goberno popular. Por tanto, desde o grupo municipal do PP non entenden como o actual alcalde, Carlos Gómez, realizou nos medios de comunicación unhas declaracións culpando aos anteriores xestores municipais de “deixamento” e de non tramitar este tributo.

“O actual rexedor tenta poñerse unha medalla que non lle corresponde, esta taxa ás eléctricas leva cobrándose máis dunha década e se el realiza estas afirmacións é porque quere mentir aos veciños ou porque descoñece como funciona o Concello. Como responsable máximo debería de informarse primeiro con datos antes de saír nos medios de comunicación vertendo falsidades sen fundamento”, consideran desde o grupo municipal popular.