A Xunta comezará a vacinar ás persoas do grupo de idade de entre 16 e 14 anos a vindeira semana

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou está mañá o comezo da vacinación, a vindeira semana, do grupo de idade con idades comprendidas entre os 14 e o 16 anos.

Acompañado polo xerente do Sergas, José Flores; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o membro do comité clínico, Pedro Rascado; o titular de Sanidade adiantou que esta mesma semana se comezarán a enviar as mensaxes de citación aos mozos e mozas galegas desta franxa de idade.

Na rolda de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, o responsable de Sanidade subliñou que a situación epidemiolóxica de Galicia “é estable e con tendencia descendente”, de acordo á baixa rexistrada nos datos de incidencia acumulada en todas as áreas sanitarias galegas. Con todo, convidou á poboación a “non baixar a garda, nin confiarse” pois “o virus segue activo e contaxiando”.

Axustes dos aforos nos locais de hostalaría e ocio nocturno

Respecto dos aforos nos establecementos de hostalería e ocio nocturno, o conselleiro de Sanidade precisou que trala decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia “foi necesario realizar axustes”, polo que o comité clínico decidiu establecer unhas normas transitorias para seguir protexendo á poboación.

Neste sentido, nos concellos en nivel máximo os establecementos hostaleiros continuarán pechados nos seu interior, cun límite de aforo do 50% do seu exterior; no caso dos concellos en nivel alto establécese o 30% de ocupación no interior e o 75% nas terrazas; no nivel medio fíxase o 50% no interior e o 100% no exterior e, finalmente, nos locais emprazados en concellos con nivel medio baixo de restricións, o aforo fixase no 75% no interior e o 100% nas súas terrazas.

En canto aos locais de ocio nocturno, nos niveis máximo e alto permanecerá pechado o seu interior, permitíndose un aforo do 75% no exterior. Así mesmo, no nivel medio poderase ocupar o 50% da capacidade dos locais no seu interior e o 75% nas terrazas. Por último, no nivel medio baixo, o interior dos establecementos quedará limitado ao 50%, permitíndose o 100% nos seu exterior.

García Comesaña salientou que é preciso continuar a cumprir a medidas hixiénico sanitarias establecidas -uso da máscara e distancia de seguridade-, co ánimo de garantir unha hostalería segura. Ademais, lembrou que os grupo de persoas no interior limítase a un máximo de 6, e a un total de 10 persoas no seu exterior.

Sobre o proceso de vacinación, detallou que a Xunta de Galicia leva administradas xa un total de 3.802.444 doses, coas que 1.859.569 de galegos e galegas xa contan coa pauta completa e, 259.341 persoas xa teñen a primeira dose.

Neste sentido, apuntou que na presentes emana a Xunta de Galicia continúa a vacinar con primeiras doses a persoas maiores de 20 anos, así como a realizar repescas entre a poboación maior de 40. Sobre este último grupo, salientou que as persoas que así o desexen poderán solicitar a súa cita de vacinación a través do teléfono 981 215 930. Ademais, avanzou que tamén levará a cabo a vacinación de embarazadas e persoas en situación de risco de exclusión social.

No que atinxe aos datos epidemiolóxicos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, indicou que a incidencia acumulada na comunidade galega “continúa cunha evolución favorable”, situándose nestes intres en 166 e 426 casos, a sete e a catorce días, respectivamente. Sobre este particular, a responsable sanitaria destacou as súas importantes baixadas, do 34% e do 24%, respecto dos datos da semana pasada.

En canto ao numero reprodutivo instantáneo, na actualidade todas as áreas sanitarias galegas están por debaixo de 1 e, a taxa de positividade actual, fica situada arredor do 9.5%.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, repasou a situación asistencial dos centros sanitarios galegos, apuntando que “se continúa a manter a tendencia de baixada en todos os niveis asistenciais”.