Unha nai de Nigrán pide xustiza para o seu fillo un ano despois de recibir unha malleira

Lupe Comesaña pide xustiza para o seu fillo Nacho, un mozo de Nigrán que o 16 de agosto de 2020 sufriu unha agresión grupal cando saía dun local de lecer nocturno na Rúa dos Pazos. Tras defender a un amigo que chocara casualmente cun mozo, un grupo de seis mozos comezou a pegarlle. Aínda que tentou fuxir a unha zona de monte, os seus amigos atopárono polo son do móbil moi grave, e os médicos temeron pola súa vida. A súa familia asegura que ademais das secuelas físicas ten importantes secuelas psicolóxicas, ata o punto de non poder saír de casa. Este luns día 16, cando se cumpre un ano do suceso, convocan unha concentración ás 21:00 horas na Praza do Concello de Nigrán. “Só pedimos xustiza para que o meu fillo poida vivir”.

“Naco, así che chamamos cariñosamente, sufro por ti e pola túa irmá, quería para ti unha vida chea de felicidade e a vida truncouse o 16 de agosto do 2020, mellor dito… arrebatároncha. Non estás morto, non che mataron, non, pero enterráronche en vida, apagáronche a luz que desprendías e cargado de lesións e secuelas que son difíciles de superar, esperas unha xustiza que non chega e no camiño ves como os teus agresores gozan da vida sen prexuízos nin remorsos, viven ríndose do que fixeron e coa cabeza ben alta, porque de momento, non hai unha xustiza que lla baixe”, conta Lupe nunha carta publicada nas súas redes sociais.

“Sufro por ti e contigo, só nós sabemos o que estás a pasar, só nós, a túa familia, vivimos contigo cada segundo de sufrimento desde hai 1ano, síntome impotente de non poder facer máis, de sacarche dese buraco sen fondo no que che meteron e no que pelexas contigo mesmo por saír del. Aos poucos fuches recuperándoche das lesións físicas, da operación á que che someteron e aos poucos empezas a recuperar a visión do teu ollo, pero non da ira e o ensañamento que acompañaban cada unha das patadas que che deron esa madrugada, 6 ou máis contra un, que valentes, pensaron que che mataban e deixáronche tirado no medio da maleza para que te morreses se non o fixeras”, continúa a mensaxe.

“Samuel, desgraciadamente, non correu a mesma sorte dentro da desgraza dunha malleira, a el matárono, si, pero cando escoitaches tan triste noticia, espertou en ti un sentimento de desafogo, o querer gritar aos catro ventos, que ti estás vivo e que queres xustiza… ese día vin a luz, ese día puxeron no noso camiño un fío de esperanza para que ti escales ese muro dese buraco, que agora empeza a ter fondo, para saír de el… Imos a por todas Naco… Imos a por todas!!!”, conclúe o relato de Lupe.