Un total de 16 proxectos asesorados polo Galp Ría de Vigo-A Guarda reciben máis de 640.00 € en axudas

A Consellería do Mar vén de resolver a primeira convocatoria de axudas do ano 2021, pola que se aproban as subvencións para 16 proxectos asesorados polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda e pertencentes aos concellos de Cangas, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Nigrán e Baiona. As axudas superan os 648.000 euros e supoñen un revulsivo para o tecido económico e social da zona.

Os proxectos, sete non produtivos e nove produtivos, axústanse á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), coa que se busca mellorar a competitividade do sector, crear emprego, aumentar o valor engadido dos produtos pesqueiros, innovar na cadea de subministro, coidar o medio e promover a cultura mariñeira.

Proxectos non produtivos

Entre as iniciativas non produtivas atópanse proxectos cuxo eixe central xira arredor do coidado do medio mariño como son os da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que busca continuar coa Rede de Varamentos de Galicia, e o da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballará por osixenar de xeito natural os bancos marisqueiros que están a perder produción.

Por outra banda, co obxectivo de diversificar un sector enfocado ao cultivo do mexillón na Ría de Vigo, a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas pon en marcha o proxecto Cultav, pensado para completar en catividade o ciclo de vida da Anemonia viridis, coñecida como anémona ou ortiga de mar, e desenvolver o seu cultivo en batea. E o Concello de Baiona creará un espazo de cooperación, discusión, formación e divulgación de referencia da economía azul dende a perspectiva da cunca atlántica no marco do Proxecto Blue Atlantic Foro.

A divulgación do patrimonio está presente entre os proxectos non produtivos coa iniciativa do Concello de Vilaboa coa que se quere impulsar a visibilidade das Salinas de Ulló. Así tamén figura nos plans do Real Club Náutico Rodeira de Cangas, que lidera a iniciativa Naveganta coa que poñer en valor a riqueza da Ría de Vigo e impulsar a presenza das mulleres nos deportes náuticos, e nos do Club Náutico de Cobres, que centrará os seus esforzos na promoción da diversidade da Enseada de San Simón e a práctica dos deportes náuticos dunha forma sostible.

Proxectos produtivos

Entre os proxectos produtivos atopamos diversas propostas que apostan pola innovación para dixitalizar e automatizar procesos, incluíndo outros novos, e modernizar a venda de peixes e mariscos, como son as de Pesciro S.L.U, Frigoríficos de Vigo S.A, Mariscos Islas Cíes S.L.U e Cíes Artesanais S.Coop Galega.

Como iniciativas vinculadas á posta en valor dos produtos pesqueiros, sitúanse as da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade, coa que se busca mellorar a comercialización da anguía procedente da pesca artesanal; a da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballa na posta en marcha dun distintivo de calidade para o choco de Redondela; e a da Asociación de Familiares de Persoas Enfermas de Alzheimer do Morrazo (AFAMO), centrada en visibilizar a riqueza dos produtos do mar para a súa exportación.

E no relativo á promoción do patrimonio do mar desde o turismo sitúanse os proxectos de Estancias Pintans S.L.U., consistente na adaptación dunha casa mariñeira como hospedaxe, e de Navis Siren S.L., centrado na instalación dun apartamento flotante turístico no Porto Deportivo de Baiona, tomando como referencia as barcazas dos canais de Ámsterdam.

Nova convocatoria de axudas

A Consellería do Mar habilitará unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para este ano. Polo de agora non se coñece a data límite para a presentación das candidaturas, pero desde o GALP Ría de Vigo-A Guarda animan a quen teña algunha iniciativa que encaixe dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) a ir preparando a documentación e quedan á súa disposición para acompañalos durante o proceso. As persoas interesadas poden chamar ao 986 35 81 09 ou ao 646 87 31 06; ou ben enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal.