Nigrán organiza as festas do Carme e das Angustias cos concertos de Grupo América e A Banda da Loba

O Concello de Nigrán asume a organización este ano das festas do Carme de Lourido (sábado 14) e das Angustias (domingo 15) a través do seu programa municipal #MúsicaNasParroquias financiado con fondos propios e un 20% a cargo da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O Grupo América e A Banda da Loba serán os pratos fortes respectivamente. “En ambos casos, por segundo ano consecutivo por mor das dificultades do Covid-19, non se chegaron a constituír comisións organizadoras, polo que o Concello asume a xestión ao 100% co fin de manter vivos os festexos populares de cada parroquia”, incide o alcalde, Juan González.

Así, a tradicional festa do Carme de Lourido (que xa tivo o concerto de Proxy e dunha banda de música o 31 de xullo e 1 de agosto) contará este sábado ás 22:00 horas no campo de fútbol coa gran actuación do Grupo América, considerado como unha das mellores orquestras galegas por público e crítica e con 45 anos de traxectoria ás súas costas. Cunha montaxe, luz e son espectaculares e máis de 5.000 concertos, os seis músicos de América volverán a dar vida en rigoroso directo aos grandes clásicos do pop e rock de todos os tempos. Esta formación emblemática da nosa comunidade obtivo no 2020 o primeiro premio nos Premios Martín Códax da Música na súa categoría e tamén gañou o Premio das Orquestras de Galicia.

Ao día seguinte, domingo 15, Nigrán acolle a tradicional Festa das Angustias no seu torreiro co concerto ás 13:00 horas da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia, ás 19:00 horas a actuación infantil “Carusso-Carulo. El chef mágico” a cargo do Rey Midas e, finalmente, ás 22:00 horas o gran concerto de A Banda da Loba. Este grupo revolucionou o panorama musical galego co seu primeiro disco “Bailando as rúas”. Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destacan polo seu repertorio propio e por musicalizacións de poetas célebres como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra ou escritoras do momento. Todo isto baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… A banda de Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) resultou gañadora de diferentes certames e é unha habitual na programación cultural do Concello de Nigrán.

En todas as actuacións o Concello de Nigrán aplicará o protocolo Covid-19 establecido, polo que aínda que a entrada é libre, ten un aforo limitado.