Volve a Gondomar Gladiator Kids, a carreira de obstáculos máis divertida para grandes e pequenos

A Gladiator Kids volve a Gondomar. Esta proba, dirixida aos nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, é unha carreira na que a competitividade queda a un lado para dar paso a intres divertidos e unha experiencia distinta para os participantes.

A proba, organizada polas Concellerías de Deportes e Xuventude, dirixidas por Nuria Lameiro, celebrarase o próximo 7 de agosto no Parque da Coelleira. Nesta ocasión haberá 400 prazas e os interesados xa poden facerse coa súa inscribíndose entre o próximo luns, 5 de xullo, e o 5 de agosto na oficina da Omix, no teléfono 986 369 746, ou a través da web www.chapionchipnorte.com.

Os participantes son pequenos ou pequenas de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos que deberán ir acompañados por un adulto, e as prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

Na súa terceira edición, Gladiator Kids de Gondomar desenvolverase en dous percorridos diferentes adaptados á idade dos participantes. En todos eles as nenas e nenos poderán poñer a proba as súas habilidades fronte os obstáculos que deberán ir sorteando nun reto que se caracteriza polo seu carácter lúdico e non competitivo, “sendo sempre o máis importante a diversión e o intre que se comparte en familia”.