Gondomar completa a reforma do Camiño de Sequeirós

Gondomar inaugurou a segunda fase da mellora do camiño de Sequeirós coa actuación acometida sobre a coñecida como “Estrada de Rasas”, na que se executaron, basicamente, as obras de reposición do pavimento asfáltico. Complétase así o proxecto iniciado coas obras no tramo do camiño de Sequeirós co cruzamento coa PO-340, no que se ampliara, na primeira fase, o espazo pola marxe dereita dotándoo de beirarrúas e ampliando o ancho de calzada que “era escaso facendo o paso de vehículos moi axustado, e moi difícil para os peóns”.

“A comodidade e seguridade da nosa veciñanza sempre priman nas nosas actuacións, como a do camiño de Sequeirós que agora completamos con esta segunda fase. Trátase de aos poucos adecuar todas as nosas infraestruturas, os nosos camiños ás necesidades veciñais, pero tamén aos obxectivos que marcan as directrices europeas, como a sustentabilidade ou a mobilidade”, manifesta o alcalde, Paco Ferreira.

Cun orzamento de 135.365 euros, a cargo do Plan Concellos da Deputación Provincial, e un prazo de execución de dous meses, o proxecto englóbase “dentro das actuacións coas que dar continuidade ás humanizacións expostas en diversas rúas do municipio, pero sen esquecer acometer a mellora das estradas e camiños, de comunicación entre as parroquias e no interior de todas elas como un conxunto”.

Nesta segunda fase os traballos centráronse na mellora da pavimentación da estrada, así como a drenaxe e a seguridade viaria, á vez que “búscase dotar dunha impronta propia ás rúas da vila”.

A actuación finalizada incluíu a pavimentación da capa de rodadura así como os saneamentos precisos para o apoio das cunetas de lastras e sobreanchos para manter a sección tipo establecida. Para elo, entre outras accións, procedeuse á roza e limpeza de vexetación nas marxes, escavación de terras para caixeado, canalización de augas pluviais con tubaxe de formigón e instalación de sumidoiros arqueta con reixa para recoller as citadas augas.

Ademais da posta en rasante de tapas de pozos e arquetas, a obra completouse coas sinalizacións verticais e espellos de tráfico, soterramentos dos servizos aéreos da zona, pintura do viario e localización de pasos de peóns.