Comisan máis de 17 quilos de polbo nun dispositivo contra o furtivismo en Baiona

Axentes da Policía Autonómica de Vigo, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia, comisaron 17,6 quilos de polbo nun dispositivo contra a práctica do furtivismo en Baiona no que foron identificadas dúas persoas.

O control levouse a cabo o luns 9 de agosto nas inmediacións do porto de Baiona, onde os axentes, que previamente estableceran un dispositivo de control, interceptaron unha furgoneta que levaba un capacho e medio de polbo coa súa correspondente guía de acompañamento. Porén, debaixo dos apeiros de pesca, atoparon dous capachos máis sen guía e con exemplares de talle inferior á legal.

O peso total da captura sen xustificar foi de 37,5 quilogramos; unha vez confeccionada a guía da captura que se axustaba ao tamaño legal, devolvéronse 19,9 quilos de polbo aos pescadores, mentres que os 17,6 restantes, de talla irregular e que se correspondían a 21 exemplares, foron comisados. Os axentes identificaron os dous ocupantes do vehículo e levantaron unha acta de presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia.