O BNG demandará no Congreso e no Parlamento galego melloras na conexión de Internet en Gondomar

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, mantiveron unha reunión con membros da Plataforma de Gondomar, Fibra Xa!, entre os que se atopaba o seu portavoz Nelo Penide, para coñecer de primeira man as deficiencias no servizo de acceso a Internet. Froito dese encontro, Rego e González avanzan iniciativas do BNG nos dous parlamentos para demandar dos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza que solucionen os problemas de conexión que soportan en Gondomar ao igual que na meirande parte dos concellos do País.

Na reunión, os deputados estiveron acompañados tamén pola concelleira do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, que asegurou que a cobertura da fibra óptica “non supera o 25% das vivendas totais do concello”. Esta cobertura concéntrase principalmente no casco urbano da vila e nunha zona da parroquia de Vincios, deixando as demais parroquias sen cobertura.

“A maioría das persoas usuarias do Concello teñen acceso a internet a través dunha ADSL pobre e extremadamente saturada. Para solucionar esta deficiencia, moitas persoas usuarias escollen a rede móbil 4G, mais esta, co uso, satúrase, deixa de ser eficiente e remata cos mesmos problemas de lentitude, afectando tamén ao servizo de telefonía”, sinala Rodríguez.

Neste contexto, “constitúe un agravio que Telefónica -como empresa adxudicataria de contratos millonarios para a implantación da fibra óptica, que no caso do noso concello leva anos de demora-, anuncie o reforzo no verán da súa rede móbil no Val Miñor para permitir máis e mellores conexións, mentres condena á veciñanza de Gondomar a estar todo o ano “desconectada”.

Pola súa parte, a Plataforma Gondomar, Fibra Xa! considera que se está a “vulnerar o dereito a ter un servizo de internet de calidade e en igualdade de condicións que outras zonas. A verdadeira fenda dixital en Gondomar é a derivada dun servizo esaxeradamente lento, cando non inexistente, nas zonas máis rurais do concello” subliñou Nelo Penide. E indicaba ademais que “as persoas usuarias están a pagar un servizo que non reciben das empresas de telefonía coas que teñen contratado o servizo de Internet, que de maneira sistémica incumpren, mais isto tampouco se traduce nun desconto ou abaratamento da factura”.

Tanto Rego como González lembran que se están a incumprir os compromisos adquiridos xa en 2015 polo propio Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta do PP, con respecto á velocidade de acceso a Internet neste territorio, que “estabelecían na Galiza, para o 2020, 30 megas de velocidade e, a día de hoxe, na meirande parte de Gondomar aínda non se acada nin o 10% desa velocidade”. As iniciativas presentadas polo BNG esixen solucións a esta situación no curto prazo.