Vitoria para a baionesa Iria Ludeña e Irea Alonso na Baixada Internacional do Río Umia

Este sábado celebrouse en Ribadumia a 27ª edición da Baixada Internacional do Río Umia, pertencente á liga galega das categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Trátase dunha das competicións fixas no calendario galego, na que tomaron parte 524 deportistas que representaban a 39 equipos.

A baionesa Iria Ludeña e a súa compañeira do Club Kayak Tudense Irea Alonso gañaron o descenso na Categoría Cadete K-2 nunha distancia de 10.000 metros, cunha marca de 45:51. Celia Montero e Alexia Villar, do Club Náutico Firrete, ocuparon o segundo posto (46:42), e pechando o podio en terceira posición, Uxía Rodríguez e Daniela Álvarez, do Club Kayak Tudense (47:00).

Un total de 397 embarcacións tomaron a saída para cubrir os 12 quilómetros de percorrido. O inicio da proba estivo situado baixo a ponte de Barrantes e os participantes tomaron dirección cara á desembocadura en Castrelo, para logo volver remontando o río ata a meta. A Baixada Internacional do Río Umia está organizada polo Club Náutico O Muíño xunto coa Federación Galega de Piragüismo.