Carlos Enrique Gutiérrez e Ana Marinho impóñense na X Nigrán Area

Despois do parón en 2020, Praia América e Panxón volveron este sábado a ser o escenario dunha das carreiras máis señeiras do verán, a Nigrán Area, que cumpría a súa décima edición organizada pola Sociedade Atlética Val Miñor e o Concello de Nigrán, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Federación Galega de Atletismo e Deporte Galego.

Preto de 400 corredores participaron no evento, repartidos nas categorías Absoluta, Sub 16, Sub 14, Sub 12, Sub 10, Sub 8 e Pitufos. Todos eles tiveron que completar os diferentes circuítos, que ían desde os 100 ata os 6.000 metros dependendo da categoría, que discorrían entre o porto de Panxón e Praia América, itinerarios chairos sobre a area mollada, xa que se aproveita a marea baixa.

Saídas graduadas cun máximo de 10 atletas e cunha separación mínima de 1,5 metros, agrupamentos, máscaras, valados e protocolos para que todo fora ben e con seguridade. O tempo fixo a súa parte con temperaturas suaves e ceo anubrado cunhas pingas para refrescar o ambiente.

Nesta ocasión fíxose primeiro a carreira absoluta para aproveitar as horas de menor ocupación da praia. Foron vencedores Carlos Enrique Gutiérrez (Rungalicia-Intersport) e Ana Marinho (Atletismo Braga). Os primeiros clasificados da Sociedade Atlética do Val Miñor foron Íñigo Millán e Martín Valverde, sen esquecer a Antón García, o atleta máis veterano da competición.

Nas categorías de menores en Sub 16 foron vencedores Lucas García e Carmen Carrera, en Sub 14 Elías Paradelo e Marta Pereira-Borrajo, en Sub 12 Xoel Franco e Lucía Ageitos, en Sub 10 Fabián López e Lena Currás e en Sub 8 Carla Docampo (S. A. Val Miñor) e Lucas Ageitos.

CLASIFICACIÓNS X NIGRÁN AREA

El pase de diapositivas requiere JavaScript.