As Xornadas pola Solidariedade recadan máis de 7.100 € para apoiar á familia de Elián

A primeira edición das Xornadas pola Solidariedade, organizadas os días 2 e 3 de agosto en Baiona pola Asociación Miñorana de Emerxencia Social, lograron reunir 7.121,62 euros para apoiar á familia de Elián, vencellada á vila de Baiona e que está a pasar por unha durísima situación. O pasado mes de xuño, o pequeno de tan só 4 anos foi ingresado na UCI do Álvaro Cunqueiro, onde lle confirmaron que ten un linfoma de Burkitt en estado avanzado.

A familia entregouse por completo ao coidado do neno sen ter tempo nin forza para nada máis… co negocio familiar pechado pola crise da covid, sen ingresos regulares e á espera dunha resolución dunha RISGA que nunca chega afrontan unha realidade económica moi complicada. “Nós non podemos permitir que se sintan soas, porque non o están. Aquí está o pobo para apoialas e axudalas, aquí está a solidariedade do Val Miñor”, afirman desde o colectivo.

“En pouco días mobilizámonos, formamos unha asociación e bosquexamos unhas xornadas para recadar fondos, organizámonos, compartimos ideas, e aquí estamos… nerviosas, emocionadas e decididas a traballar man a man con artistas, artesás, hostaleiras e pequenos comercios da comarca co único fin de poder axudar a Elián e á súa familia. Nacemos co orgullo do pobo que salva ao pobo, coa forza da colectividade e coa esperanza intacta entre as mans”, destacaban desde a Asociación días antes das xornadas.

O evento serviu como presentación dunha asociación que nace co fin de axudar de xeito directo a persoas ou familias en risco. Foron dúas xornadas repletas de actividades diversas como música en directo, teatro, circo, artesanía, obradoiros ou “mercadillo” nas que todas as participantes colaboraron sen ánimo de lucro co único fin de recadar cartos para quen máis os necesita.

“Parabéns e grazas a todas e cada unha das persoas, establecementos, pequenos negocios e colectivos que aportaron e puxeron o seu gran de area para facer isto posible. Foron dúas xornadas emotivas, divertidas e inesquecibles que deben servir de aprendizaxe e de carburante para continuar o camiño. A unión fai a forza. Só o pobo salva ao pobo”, conclúen desde a Asociación Miñorana de Emerxencia Social.

Para seguir colaborando:

Número de conta: ES94 2080 5015 6630 4004 3719
Teaming: https://www.teaming.net/asociacionminoranadeemerxenciasocial