Telefónica reforza a súa rede móbil en Baiona e Gondomar durante o verán

FOTO: TURISMO DE GALICIA // Vista aérea de Baiona.

Telefónica segue ampliando a capacidade das súas centrais e mellorado a cobertura da súa rede móbil en Galicia. Así, a compañía dixital reforzou a rede móbil cun total de 215 accións en diferentes emprazamentos de 23 municipios galegos con actuacións moi variadas, como son as implantacións de novas bandas de frecuencias 4G/5G, sectorizacións para densificar unha determinada zona, ampliacións de equipos para permitir maior capacidade e/ou prestacións para dar servizo en zonas turísticas de gran aglomeración.

Concretamente, na provincia de Pontevedra mellorouse a cobertura móbil de 9 municipios -Baiona, Cambados, Cangas, Gondomar, O Grove, A Guarda, Marín, Pontevedra e Sanxenxo- para o que se levaron a cabo 89 actuacións en diferentes localizacións destes concellos.

Telefónica leva traballando desde finais do ano pasado para reforzar a capacidade das estacións de telefonía en Galicia para proporcionar unha cobertura de máximas garantías durante o período estival. Así mesmo, aplicouse unha parametrización especial en todos os emprazamentos relacionados coas maiores acumulacións de turistas. Estas actuacións permiten ampliar a capacidade de xestión do tráfico de chamadas e datos. O obxectivo deste plan de reforzo das infraestruturas é optimizar a cobertura móbil e mellorar significativamente a calidade do servizo, permitindo a conexión de máis usuarios. A compañía actualiza de maneira continua os seus plans de traballo no territorio para mellorar as conexións de alta velocidade desde os dispositivos móbiles, debido a que practicamente o 100% dos usuarios da internet conéctanse de forma habitual desde o teléfono.

Os usuarios consomen cada vez máis datos móbiles e o maior incremento rexístrase cada ano no verán, especialmente nas zonas turísticas onde aumenta a poboación. Ademais, este verán, como o pasado, parte do turismo nacional está a envorcarse en segundas residencias, especialmente na costa, compensando así a redución do turismo estranxeiro, e estanse producindo cambios nos patróns de consumo de datos móbiles que reflicten a nova situación xerada pola Covid-19. Para facer fronte a esta demanda, Telefónica realiza anualmente melloras e ampliacións nos seus equipos de fronte ao verán pero que posteriormente quedan para mellorar a conectividade de todos eses emprazamentos durante todo o ano.

Tal e como explica Rafael Moya, responsable de Operacións de Telefónica en Galicia, “os operadores reforzamos de fronte ao verán as redes móbiles para que poidan facer fronte con normalidade aos incrementos de tráfico que soportan un gran número de persoas utilizando os servizos destas redes nos seus lugares de vacacións. Este ano, igual que o pasado, este mapa previsible de tráfico viuse modificado como resultado do Covid-19, que está a reflectir os novos comportamentos sociais que trouxo a nova normalidade”.