O PP de Gondomar acusa a Paco Ferreira de condenar ao peche aos comercios do centro da Vila

O Partido Popular afirma que definitivamente o alcalde quere converter a Gondomar nunha Vila Morta e sen futuro. “Ao Sr. Paco Ferreira só lle importa a noticia, as publicacións e sobre todo a foto da inauguración. O centro da Vila de Gondomar pode estar moi bonito, pero se o comercio morre de pouco vale”, afirma a súa voceira Paula Bouzós.

Isto vén a razón das últimas noticias que afirman que o Concello de Gondomar segue investindo en humanizacións no centro da vila, mentres as parroquias seguen no esquecemento. A Deputación Provincial de Pontevedra aprobou na última sesión da comisión de goberno dous novos investimentos en humanizacións no centro de Gondomar por importe de 234.350€. Os proxectos aprobados son a reforma do cruce da Avenida Conde de Gondomar coa rúa Emigrante por importe de 60.750€, e o cruce da rúa Elduayen con Ángel Urzaíz e Eduardo Iglesias por un importe de 173.600€.

Estas humanizacións veñen a sumarse á feita na lexislatura pasada na Praza Paradela e ás recentemente anunciadas da rúa Manuel Alonso por un importe de 115.000€ e a Praza Rosalía de Castro, que esta semana saíu a licitación por un importe de 833.544€.

“O Sr. Ferreira segue facendo oídos xordos ante as demandas dos comerciantes, dos veciños e dos grupos da oposición, que lle reclaman un consenso á hora de executar estes proxectos de humanizacións”, afirman desde o Partido Popular, que considera veñen a destruír a vida comercial do centro de Gondomar, “e á vista está o que acontece coa zona da Praza Paradela e a súa contorna, onde cada vez hai máis comercios pechados”.

Pídenlle ao mesmo tempo que invista máis nas parroquias nas que moitos dos veciños seguen carecendo de algo tan esencial como o subministro de auga, o saneamento ou dunhas vías públicas en condicións suficientes para poder acceder ás súas vivendas.

“Dende o Partido Popular pedimos ao alcalde que recapacite un pouco e se aveña ao diálogo cos veciños, comercios e grupos da oposición para consensuar uns proxectos que favorezan a convivencia entre os veciños e favoreza a supervivencia dos comercios e locais de hostalería”, conclúe a voceira do PP gondomareño.