Ovalmi celebra este domingo na Ramallosa a feira de oportunidades “Portobelo”

O Concello de Nigrán, dentro da súa política de promoción do comercio local, colabora un ano máis coa Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (Ovalmi) na organización da feira de oportunidades “Portobelo” este domingo 8 de agosto na Alameda de A Ramallosa. Un total de 32 comerciantes da comarca ofrecerán durante todo o día (de 11:00 a 21:00 horas) os seus mellores descontos en produtos como roupa infantil, moda de home e muller, complementos, artigos de fogar, comida vegana, xeados, chuches, xoguetes…

Igualmente o Concello de Nigrán continúa mediante Portobelo coa súa campaña de promoción do comercio local “Eu son de mercar en Nigrán. E ti de quen ves sendo?”, de xeito que fornecerá aos comercios participantes con bolsas e material ao respecto para destacar a importancia de consumir no comercio de proximidade.

A feira estará acompañada de diferentes eventos, comezando cunha actuación da Escola de Danza Paradela ás 13:00 horas, ás 17:00 da escola DanzArte e ás 19:00 de L’Danzia. Xa para rematar, ás 20:30, terá lugar o concerto de The Mirror. O grupo, con fonda raigame na comarca, nace no 2018 froito da unión de varios músicos de proxectos diferentes e con longas traxectorias que decidiron xuntarse cun claro obxectivo: crear unha banda de temas propios con influencias do rock, funk e soul. Así, Tania Rodríguez (vocalista), Alejandro Vasconcellos (vocalista e guitarrista), Óscar Román (baterista), Gorio Álvarez (baixista–actualmente é Mikel Román) e Pablo Doallo (guitarrista–actualmente Rubén Carrera), formaron unha banda que lles permitiría levar aos escenarios as súas propias creacións musicais. Neste breve pero intenso período de tempo comezaron a asomar a cabeza pola escena musical miñorana e viguesa, sendo uns dos protagonistas en pasadas edicións do festival Solpor Monteferro.