
Máis de dous meses dende as fortes inundacións sufridas o pasado Nadal, os alcaldes e alcaldesas de trece concellos do sur da provincia de Pontevedra máis afectados polos temporais reiteran a súa petición á Xunta de Galicia de que declare o territorio como Zona de Emerxencia de Protección Civil e estableza medidas de apoio económico para asumir a rehabilitación duns danos valorados polo momento en máis de 10 millóns de euros e aos que hai que sumar os sufridos polo sector agroforestal, empresas e particulares.
Rexedoras e rexedores da Cañiza, A Guarda, As Neves, Baiona, Gondomar, Mondariz, Nigrán, O Rosal, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Tomiño e Tui lamentan o “desprezo e abandono” da Xunta non só aos Concellos, que sufriron seis semanas de inundacións reiteradas, senón tamén aos case 200.000 habitantes, ás pequenas e medianas empresas e ás persoas autónomas deste territorio.
“Enfrontamos sós está situación dende o primeiro momento, incluso para poder facer unha valoración dos danos sufridos. Levamos tres meses realizando e sufragando as reparacións para recuperar servizos esenciais para a nosa veciñanza, gastos por un valor que nalgúns municipios é un terzo do seu orzamento anual. Estamos ante unha situación complicada, sen saber como imos afrontar os custos e coa Xunta, a administración competente, desaparecida”, salientaron este xoves nunha rolda de prensa na que estaban presentes Xose Manuel Rodríguez (As Neves), Antonio Lomba (A Guarda), Ánxela Fernández Callís (O Rosal), Cristina Fernández (Ponteareas), Paco Ferreira (Gondomar), Verónica Tourón (Salceda de Caselas), Luis Piña (A Cañiza) e Xosé Emilio Barros (Mondariz).
Tras dous meses de silencio por parte da administración autonómica, o seu presidente, Alfonso Rueda, respondeu á carta conxunta enviada o 1 de febreiro polos 13 alcaldes e alcaldesas asegurando que a Xunta estaría disposta a trasladar ata a zona ao vicepresidente segundo para coñecer os danos, aínda que instando aos Concellos a organizar un encontro no que tamén estiveran presentes representantes doutras administracións.
“É un verdadeiro desprezo aos municipios, aos seus rexedores e rexedoras, ao tecido empresarial e á veciñanza. Nunha situación extrema como esta son os Concellos os que demostraron estar ao lado da xente, asumindo cuestións nas que non teñen competencias por garantir o benestar da cidadanía”, aseguraron os rexedores e rexedoras. Lembraron ademais que o resto de administracións responderon con axilidade ante a delicada situación, xa que o delegado do Goberno do Estado estivo visitando a zona e explicando aos Concellos as distintas liñas de axudas postas á súa disposición e a Deputación de Pontevedra habilitou crédito e unha liña de axudas para facer fronte á reparación dos danos.
Ante o elevado balance de estragos, os concellos afectados urxen tamén á Xunta unha partida orzamentaria extraordinaria dada a excepcionalidade dos danos nestas comarcas, que non só permitiría aos gobernos municipais afrontar e reparar os danos, senón que tamén beneficiaría a milleiros de veciños e veciñas que teñen que recompoñer as súas vivendas e propiedades tras os estragos causados pola forza inusual da auga e a persoas autónomas e moitas pequenas e medianas empresas que viron danadas as súas instalacións.