O PP de Gondomar advirte do risco de perder varias subvencións por falta de control na execución das obras

O Partido Popular de Gondomar denuncia a falta de control na execución das obras que realiza o Concello, comprometendo varias subvencións concedidas pola Deputación Provincial de Pontevedra no Plan Concellos 2018-2019, ao non cumprir o prazo de execución das mesmas. “Non é lóxico que se perdan tantas subvencións, aparte das que non nos conceden por non solicitalas, co goberno máis caro e con máis dedicacións que tivo nunca Gondomar. Non están repercutindo os soldos en máis investimentos para o noso pobo, máis ben todo o contrario”, reflexiona a voceira do PP gondomareño.

A mediados do pasado mes de xuño a Deputación Provincial de Pontevedra remitiu un escrito ao Concello de Gondomar advertindo que este ente tiña varias obras pendentes de executar e que o prazo para o remate das mesmas era o 31 de xullo, debendo estar totalmente xustificadas o 31 de agosto. As obras sobre as que advertía a entidade provincial están, entre outros, o “parque lúdico e canino”, o “ascensor da casa da cultura”, o camiño de Sequeirós ou o “camiño de Chapurra, os Campos e Lameiro” en Couso, proxectos nos que a día de hoxe membros do Partido Popular de Gondomar puideron comprobar como os operarios seguían traballando nas obras, polo que non poden ser certificadas na data límite de prazo que estaba establecida no 31 de xullo.

Este feito pon en risco as subvencións concedidas pola Deputación Provincial de Pontevedra, que podería rematar na revogación das mesmas, coa perda do dereito ao cobro, ao igual que sucedeu o ano pasado coa subvención da pasarela peonil sobre o río Miñor e que finalmente tivo que ser pagada integramente polo Concello ao ser executada fóra do prazo establecido no Plan Concellos.

A falta de control por parte do goberno municipal das obras que executa o Concello ou a non execución das mesmas leva acumulando a perda das subvención por importe superior ao millón de euros. Recordan a perda da subvención á pasarela peonil por importe de 67.000 €, o camiño de Cernada en Vincios por máis de 75.000€, o arranxo da estrada de A Pasaxe por importe de 120.000€, parte das subvencións ao Centro de Información á Muller que o Concello tivo que devolver varios anos, por máis de 30.000€, ou o tanque de tormentas por importe superior a 600.000€, así como varias subvencións que non foron concedidas ao non presentar a documentación ou non concorrer á convocatoria.

“Gondomar ten o goberno municipal con máis dedicacións exclusivas da historia e isto non se está reflectindo nunha mellor administración nin un mellor servizo aos veciños, sobre todo os das parroquias que cada vez están máis abandonadas. Non é normal que a oposición teña que facer o control das obras adxudicadas que son mal executadas ou fóra de prazo, isto debería ser unha labor propia do goberno municipal que non está asumido. Parece que o único que importa ao Sr. Ferreira é a foto”, argumenta Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.