Nigrán arranca un programa pioneiro en Galicia de atención a persoas con problemas de saúde mental

O Concello de Nigrán arrancará desde este luns co programa “Achego” da asociación de saúde mental Avelaíña coa particularidade de incorporar de xeito pioneiro en Galicia a figura do “asesor persoal” para que aqueles veciños que viven sos manteñan a súa autonomía. O obxectivo desta iniciativa integrada no programa “Un Nigrán para todos” e evitar a súa institucionalización suplindo a ausencia de lazos familiares ou veciñais mediante un referente para eles que lles facilite o acceso a uns servizos básicos e a unha vida comunitaria. O Concello ten consignados 7.857€ para que funcione durante todo este ano e no 2022 fará o correspondente.

“Queremos que as persoas con problemas de saúde mental que viven soas ou ás que de pronto lles falten os seus titores teñan un referente que supla esa ausencia para garantirlles unha vida autónoma e integrada na sociedade”, explica o alcalde, Juan González, a quen precisamente proxenitores maiores lle trasladaron esta inquedanza polo futuro dos seus fillos. “Son persoas que teñen problemas de saúde mental pero que poden vivir perfectamente de xeito independente se lles facilitamos un apoio, ou tamén persoas que viven cos seus pais moi anciáns e que, de pronto, deben afrontar a vida sen eles”, explica González, quen incide en que “se trata de evitar o seu ingreso en residencias ofrecendo un mínimo de axuda”.

Segundo a prevalencia dun 16% deste tipo de doenzas en Galicia, Nigrán contaría con 2.880 persoas que sofren algún problema de saúde mental (moitos sen diagnosticar) e, oficialmente, 443 dispoñen dun certificado de discapacidade ao respecto, rexistrándose no 2019 un total de 2.158 consultas de psiquiatría de veciños do municipio. Sen embargo, os propios técnicos de Avelaíña subliñan que a pandemia e os confinamentos e consecuencias laborais asociadas teñen aumentado de xeito alarmante na poboación os problemas de ansiedade, medos, apatías, incertezas, cambios emocionais…

Ante esta realidade preocupante, a partir do luns 2 de agosto este servizo municipal formado por unha psicóloga e unha traballadora social comezará a operar inicialmente no Centro de Información á Muller (Estrada pola Vía, 69) con atención directa os luns e mércores de 8:30 a 14:30 horas e posteriormente se trasladará a unha oficina nas antigas casas dos mestres de Vilameán, cuxa reforma como centro social para os maiores comezará nas vindeiras semanas.

A entidade sen ánimo de lucro Avelaíña centrarase inicialmente na liña 1 do seu programa “Achego” como punto de arranque para desenvolver outras iniciativas ao tempo que deseña e analiza os casos axeitados para recibir o servizo de “asistente persoal”.

“O equipo de intervención psicosocial funcionará como unha sala previa á Unidade de Saúde Mental sendo os referentes da poboación e traballando coordinadamente cos Servizos Sociais do Concello, Atención Primaria, Xulgados, etc.”, inciden desde Avelaíña, onde sinalan a dispersión poboacional e dos servizos terapéuticos como un dos principais problemas en Galicia para recibir unha asistencia correcta en saúde mental. “O máis importante é actuar de xeito temperá e rápido para evitar un maior sufrimento á persoa e á súa contorna e poder mellorar a situación”, explican. Neste sentido, as perspectivas non son nada favorables xa que, segundo diversos estudos, as consecuencias psicolóxicas desta pandemia manifestaranse nas persoas máis vulnerables en forma de estrés postraumático, trastorno obsesivo compulsivo, fobias, hipocondría, traumas, etc. “Por iso este servizo é máis urxente que nunca”, conclúe González.

Así, esta unidade de apoio comunitario ofrecerá información e asesoramento persoal, apoio psicolóxico tamén para os coidadores, rehabilitación específica para actuar no aspecto deteriorado de cada quen (estimulación cognitiva, autocontrol e manexo do estrés, adherencia ao tratamento…) e, finalmente, promoverá hábitos saudables entre a poboación.