Prado reduce a unha concentración diante do concello a manifestación prevista para este sábado

A Comisión de Festas de Prado vai reducir a unha concentración diante do concello de Gondomar a manifestación que estaba prevista para este sábado. A decisión adoptárona este xoves os membros da Comisión de Festas debido á situación epidemiolóxica no Concello de Gondomar, que cada día mira como o número de infectados polo Covid-19 non para de subir.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra autorizara a celebración desta manifestación que ía saír as 20:00 horas dende o Froiz de Mañufe para percorrer varias rúas do centro urbano e rematar diante do concello. Se a situación mellorase o vindeiro sábado 7 de agosto está prevista e autorizada outra manifestación co mesmo percorrido.

Recordan que seguirán exercendo todas as medidas de presión que estean ao seu alcance ata acadar unha solución definitiva para evitar o derrubamento do local social. Este local social levantado co esforzo de todos os veciños é o único lugar de encontro que os veciños deste barrio da parroquia de Morgadáns teñen para xuntarse e para poder celebrar eventos e festexar a San Xosé.

De momento conseguiron que, como mostra da boa vontade do bispado en acadar un acordo satisfactorio para todos, o pasado 19 de xullo non comezaran as obras de derrubo. Apelan ao sentido común das persoas que poden achegar unha solución a este problema e agradecen as mostras de apoio que están a recibir de entidades e veciños de outras parroquias.