Os Círculos de Podemos do Val Miñor veñen de presentar unha moción para traballar no desenvolvemento dos dereitos das persoas LGTBI e por un Val Miñor libre de LGTBIfobia. Con isto pretenden a implicación do conxunto de actores e veciñanza para frear o número crecente de agresións e vandalismo por motivos de LGTBIfobia.
“A loita contra a LGTBIfobia require do traballo conxunto das distintas institucións xunto a colectivos e veciñanza, por iso pedimos o respaldo das corporacións de Baiona, Nigrán e Gondomar a unha serie de medidas que van encamiñadas a dar unha resposta colectiva contra a LGTBIfobia”, apuntan desde a formación morada.
Esas medidas van dende o deseño dunha campaña para un ocio libre de LGTBIfobia, en colaboración coas asociacións de hostaleiros, ata a creación dun punto de información LGTBI municipal ou distintas iniciativas en colaboración cos centros de ensino, posto que a educación é clave para erradicar a LGTBIfobia e máis cando falamos de que algúns destes actos violentos teñen como protagonistas a xente nova.
Ademais, Podemos pide que a Xunta de Galicia se involucre poñendo os recursos para desenvolver de maneira axeitada a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, que lle dea impulso ao Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero para que sexa unha ferramenta eficaz e que, en diálogo cos colectivos LGTBI, redacte unha Lei Trans Galega.

