O PP de Gondomar critica que se suspendan as actividades culturais pola choiva e non pola situación epidemiolóxica

O Concello de Gondomar suspendeu as actividades culturais programadas para esta fin de semana pola Concellería de Cultura. Os motivos argumentados polo Alcalde para a suspensión destas actividades foron as previsións meteorolóxicas que anunciaban moita choiva para estes días.

“Ao Sr. Ferreira impórtalle ben pouco a situación epidemiolóxica que está padecendo o noso concello, que se non fose polas choivas previstas para esta fin de semana, non suspendería os actos culturais organizados pola Concellería de Cultura, a pesar de que o número de casos diagnosticados no noso concello non para de medrar. O alcalde non pode ser máis irresponsable para cos seus veciños”, argumentaba a voceira do Partido Popular de Gondomar.

Non entenden dende o Partido Popular que o alcalde siga facendo os plenos telemáticos, onde é doado garantir a distancia de seguridade, e por outro faga convocatorias masivas sen garantir unha mínima seguridade da xente. Tampouco é comprensible que non se leven algúns destes actos ás parroquias co fin de difundir a cultura en todos os recunchos do concello.

Aproveitan para felicitar á Comisión de Festas San Xosé de Prado, que nun acto de tremenda responsabilidade suspendeu a convocatoria da manifestación prevista para este sábado. “Con este acto antepoñen a saúde dos veciños ante as súas demandas. A situación epidemiolóxica que está pasando o noso concello así o aconsella e así o fixeron os veciños de Prado. Este tipo de acordos e actos demóstrannos o tipo de persoas que son os nosos veciños. Parabéns Prado”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular.