Manifesto Miñor acusa a Ferreira de desprezar e ignorar o rural e as parroquias de Gondomar

Dende Manifesto Miñor queren chamar a atención sobre a maneira de practicar a política que nos últimos anos o goberno municipal de Paco Ferreira e do PSOE exerce ignorando ou ninguneando ás parroquias e ao rural en xeral. “Como moito só atenden os seus intereses clientelares obviando calquera tipo de planificación a medio prazo, e xa non digamos a súa actitude de negarse a dialogar co movemento veciñal ou social organizado das mesmas. Semellante actitude está a xerar malestar e indignación na veciñanza das parroquias que ven como os concelleiros das mesmas que prometeron defendelas non abren nin a boca limitándose a obedecer ao Sr. Ferreira, que para iso “lle paga” as dedicacións exclusivas”, critica Antonio Araújo, que expón dous exemplos:

1º.- O mércores en Baiona presentouse a campaña EURURAL (promovida polo GDR-AGADER) de apoio aos produtores, transformadores, etc que traballan, crean ou producen no noso rural produtos de proximidade, sustentables, de calidade, etc, etc. “Alí estaban todos os alcaldes e alcaldesas da comarca menos, D. Paco Ferreira ou a concelleira de Comercio. Tan pouco lle interesa a este goberno municipal o rural de Gondomar e as cousas de moitísima calidade que nel se producen? Ou será que descoñecen os traballos de moitas persoas que crían, producen e venden nas parroquias de Gondomar? Os primeiros sorprendidos por esa ausencia foron as persoas de Gondomar que alí estaban defendendo as súas iniciativas. Cada día que pasa está máis claro o modelo de Municipio e de Vila que ten na cabeza o goberno municipal do Sr. Ferreira: un concello dormitorio ao servizo da especulación, e claro, sóbranlle emprendedores, comerciantes, emprendedores de servizos, agricultores, etc”, lamenta Araújo.

2º.- “Este ano as festas do San Bieito de Gondomar foron organizadas polo Concello e pagadas con cartos de todos os contribuíntes do municipio. E agora o Alcalde négalle a contratación dunha banda de música aos veciños de Couso para a festa do San Cristovo (para a procesión e dar un concerto) porque seica non hai presuposto, e dilles que vaian pedir á Deputación. Está claro que para o Sr. Alcalde hai veciños de primeira e veciños de segunda. Pois ben, ou se pagan as festas de todas as parroquias, ou non se paga ningunha”, sinala o voceiro de Manifesto Miñor.

“Poderiamos seguir con máis exemplos de desleixo ou de promesas incumpridas, pero abonda con esta mostra”, conclúe Araújo. Dende Manifesto Miñor pedirán explicacións sobre todo isto no vindeiro Pleno sen descartar a posibilidade de presentar unha iniciativa ao respecto.