O Servizo de Radioloxía do Chuvi premiado por un estudo sobre tumores lipomatosos

O Servizo de Radioloxía do Chuvi foi premiado no congreso nacional da Sociedad Española de Radiología (SERAM) cun recoñecemento “Cum Laude” pola comunicación científica titulada “Masas de partes blandas de estirpe lipomatosa: Caracterización mediante Resonancia Magnética”. Este traballo foi presentado pola Área de Radioloxía Músculo-Esquelética cuxa primeira asinante é a doutora Elisa Jara Cumplido.

As masas de partes brandas que conteñen grasa, tumores lipomatosos, son os tumores subcutáneos más frecuentes na práctica clínica diaria.

A maioría destes tumores son benignos e non requiren ningún tipo de tratamento pero existe unha porcentaxe de tumores lipomatosos malignos con diferente grao de agresividade que requiriren un diagnóstico preciso e un manexo específico. De elo dependen tanto o prognóstico da enfermidade como a supervivencia do paciente.

Papel fundamental da Resonancia

Aínda que o enfoque e o manexo deste grupo de patoloxías é multidisciplinar, a imaxe por Resonancia Magnética (RM) ten un papel fundamental neste tipo de tumores. O médico especialista en radioloxía é o encargado, pola súa formación, de coñecer as características de imaxe das mesmas para un correcto diagnóstico e estadiaxe.

Así, os autores deste estudo realizaron unha análise exhaustiva na que revisaron en profundidade un total de 237 casos diagnosticados e tratados na Área Sanitaria de Vigo nos últimos anos.

Fundamentalmente a investigación recolle o protocolo de estudo radiolóxico, as características de imaxe coas que os radiólogos deben estar familiarizados e, sobre todo, o xeito de afrontar o reto diagnóstico que supón diferenciar entre lesións benignas, de agresividade intermedia e malignas. Para isto téñense empregado as clasificacións internacionais vixentes aceptadas polas comunidades científicas máis relevantes. Aínda que, nalgúns casos, para diferencialos é necesaria a biopsia, é moi importante coñecer as características da Resonancia Magnética que poden axudar a su distinción, e contar cun equipo multidisciplinar para o seu manexo, como é o Comité de sarcomas de partes brandas que vén funcionando desde hai anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).