Prado suspende a manifestación deste sábado e convoca novas protestas para as vindeiras semanas

Conscientes da situación sanitaria que está padecendo a poboación do concello de Gondomar derivada do Covid-19, a Comisión de Festas de San Xosé de Prado enviou unha comunicación á Subdelegación do Goberno para suspender a manifestación que estaba prevista para este sábado 24 de xullo. No mesmo escrito a Comisión de Festas solicita autorización para a celebración da manifestación para os seguintes sábados 31 de xullo e 7 de agosto, ás oito da tarde. Transcorrerán polas rúas da vila e rematarán diante do concello de Gondomar. Estas manifestacións convócanas como medida de presión ante as autoridades competentes para que tomen cartas no asunto e fagan efectivos os trámites necesarios para evitar o derribo do local.

Son conscientes de que estanse dando pasos, pero non queren que o asunto quede no esquecemento, e para iso van seguir realizando todas as medidas de presión que estimen oportuno, co fin de que non sexa derribado o local social. Consideran un paso importante o feito de que o director da obra presentase un escrito no concello informando que petición da propiedade non se ía iniciar a demolición que estaba prevista para o pasado 19 de xullo. “Isto vén demostrar a vontade da igrexa en querer chegar a un acordo para evitar o derribo do noso local”, afirmaban os membros da Comisión de Festas de Prado, que apelan á solidariedade de todos os veciños de Gondomar para esta causa xusta facendo un chamamento á participación nas manifestacións que se convoquen.