Parada celebra as súas festas patronais na honra de Santiago

A parroquia nigranesa de Parada celebra esta fin de semana as festas patronais de Santiago coa colaboración do Concello de Nigrán a través do programa municipal #MúsicaNasParroquias financiado mediante a Liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A celebración arrancará o sábado 24 de xullo ás 19:00 horas no Torreiro de Parada co espectáculo infantil do Rey Midas “Carusso-Carulo, o chef máxico”. Despois da novena, ás 21:30 horas para adaptarse mellor ás novas restricións horarias, terá lugar a actuación estelar de “Proxy e os seus amigos”, espectáculo no que o músico e veciño de Parada contará coa colaboración doutros artistas e do grupo de baile de Gondomar L’Danzia.

Ao día seguinte, o domingo día 25, a Agrupación Musical de Belesar ofrecerá un concerto despois da Misa Solemne das 13:00 horas. Pola noite, actuará “La Banda de Ayer”. O luns 26 pola mañá, a charanga Vai de Baile dará un concerto despois da Misa.

A firma de cervexa artesá Trisk-Ale dispoñerá de barra para bebidas no Torreiro xunto con Capitán Filloa.