Volve “Parte de ti”, campaña de apoio ao rural baseada nas historias das produtoras e produtores do rural

Ante o éxito da campaña Parte de ti, que se lanzou o ano pasado, Eurural decide ampliala un ano máis para dar a coñecer as grandes historias que hai detrás dos produtos da nosa contorna.

A presentación tivo lugar esta mañá ás 11:30 horas no Edificio Multiusos Mercado de Sabarís e contou coas intervencións do alcalde de Baiona, Carlos Gómez, da alcaldesa de Tomiño e presidenta do GDR, Sandra González e do subdirector de relación cos GDR de AGADER, Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia), Moisés Blanco.

O Grupo de Desenvolvemento (Galicia Suroeste Eurural) é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio.

Parte de ti nace polo obxectivo do grupo de dirixir o seu apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias das produtoras e produtores. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador. Este ano, ademais, porase o foco tamén nos puntos de venda do rural e nas diferentes experiencias que os visitantes poden desfrutar nas distintas zonas que forman parte do GDR.

O proxecto forma parte das medidas de animación e promoción territorial da Submedida Leader 2014 – 2020 do PDR de Galicia, que xestiona o GDR a través dun convenio de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e cuxo financiamento procede nun 75% da Unión Europea a través do Feader, nun 2,5% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 22,5% da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, afirmou que “dos produtos locais nacen historias. Consumíndoos facemos posible que estas historias continúen e que siga viva a nosa cultura e a nosa identidade”. Sandra González, presidenta do GDR e alcaldesa de Tomiño, destacou que “o verdadeiramente importante é sensibilizar á poboación que temos que facer un consumo sostible, de proximidade e que apoie aos nosos produtores”. Pola súa banda, Moisés Blanco, subdirector de relación cos GDR de AGADER, apuntou que “Parte de ti é un deses proxectos con nomes, apelidos e soños detrás”.

Durante a rolda proxectouse o vídeo de presentación da campaña e unha das historias dunha das produtoras, Patricia Fernández, de Na Abada, que ademais interveu para compartir como foi o seu proceso de reinvención ao ter que converter, debido á crise do COVID, a súa empresa local de flor cortada nun novo proxecto, Na Abada, unha empresa de venda de froitas e verduras que combina as novas tecnoloxías e os xeitos de cultivo tradicionais, poñendo así a disposición dos consumidores produtos de tempada apañados na horta no momento, sans e libres de todo tipo de químicos, cun método de envasado que non produce residuos.

“Sabiamos que esta oportunidade tiña que ser aproveitada para mellorar, e sabemos que coa nosa proposta estamos contribuíndo a mellorar o agro, a mellorar o medio ambiente, a mellorar a alimentación de cada cliente. En definitiva, estamos contribuíndo a mellorar a nosa vida e as dos que desexan formar parte deste proxecto, que cada vez é maior”, sinalou Patricia Fernández, produtora.

Ademais da historia de Na Abada presentaranse ao longo da campaña outros proxectos coma Cerámica Q, Vionkas Bake, Calabizo, Orpagu Pesca de Anzuelo, Areladefé, Grupo Godoy Maceira ou Xorxios Café.

Poderanse visualizar estes vídeos na web https://partedeti.eurural.org/ e nas redes sociais de Eurural (@eurural_gdr14). Ademais os produtores e comerciantes que vendan produto do rural poderán formar parte do directorio de Parte de ti cubrindo o formulario dispoñible na web (https://partedeti.eurural.org/queres-formar-parte-deste-proxecto/)

Tamén asistiron á presentación Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Eloisa Nogueira, tenente de alcalde de Pazos de Borbén; David Alonso Bargiela, concelleiro de O Porriño; Ana María Núñez, concelleira de Tui; Ánxela Fernández Callís, alcaldesa de O Rosal; Monserrat Magallanes, tenente de alcalde de A Guarda; Paco Ferreira, alcalde de Gondomar; Juan González, alcalde de Nigrán; e Camilo Augusto, tenente de alcalde do concello de Mos.