Ribera Povisa dá a benvida a 13 novos residentes

Ribera Povisa deu este mércores a benvida a trece novos residentes que comezan a súa formación MIR. O xerente do hospital, Rafael Cabadas, e o presidente da Comisión de Docencia, Javier de la Fuente, deron a benvida aos novos residentes, que recibiron a documentación da formación que agora comezan durante un breve acto.

Cada un dos servizos de Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía e Radiodiagnóstico contará cun residente mentres que a Medicina Interna incorpóranse dous. Outros sete residentes formaranse en Medicina Familiar e Comunitaria.

Do mesmo xeito que o ano pasado, a pandemia obrigou a atrasar a asignación das prazas a nivel nacional e, por tanto, o inicio da formación, que oficialmente comezou este martes, 20 de xullo.

Dentro do plan de aposta pola excelencia na calidade asistencial ofrecida ao paciente, a formación é estratéxica para Povisa, sendo na actualidade o único hospital privado de Galicia, e dos poucos de España, que conta con formación MIR. A iso súmase a Escola Universitaria de Enfermería de Povisa, adscrita á Universidade de Vigo, e catro ciclos de FP de grao medio e superior, todos eles vinculados coa rama sanitaria, no Centro de Estudos Povisa.