Sidecars pecharon a quinta edición de Vive Nigrán

VIVE NIGRÁN pechou este sábado a súa quinta edición co concerto da banda Sidecars no recinto de Monte Lourido. Ante un espectacular atardecer, definido por Juancho, vocalista, como “o escenario máis bonito no que estivemos nunca”, os madrileños ofreceron un percorrido por temas do seu último traballo “Ruido de fondo” e polos seus grandes éxitos, unha lista de cancións imprescindibles nos seus directos que aos poucos se vai facendo máis longa. En máis de dúas horas de concerto, a banda moveuse entre os momentos máis íntimos e os temas máis enérxicos. Sidecars deleitaron a un público entregado, cun directo moi compacto lembrando os sobrados motivos polos que se fixeron cun importante nome no panorama musical español. Juancho ademais quixo dedicar o seu show en Nigrán a Samuel, o mozo asasinado hai unhas semanas na Coruña.

Con este concerto, para o que se esgotaron as entradas hai semanas, pechábase unha quinta edición de VIVE NIGRÁN pola que pasaron tamén Shinova, Mounqup, Natalia Lacunza, Babykatze, Locoplaya, Verto e o vigués Cedecé. A organización tivo que reprogramar o cartel ante o aprazamento de Ginebras, tras un positivo en COVID. Este concerto celebrarase nunha nova data da que se informará proximamente.

Ademais durante a tarde as persoas rexistradas gozaron dunha sesión de Pádel surf e kaiak en Praia América e un bautismo de surf na praia de Patos, dentro das actividades paralelas do festival VIVE ACTIVO organizadas en colaboración coa Deputación de Pontevedra, dentro do programa “Rías Baixas Fest”.

A xornada do sábado arrancou coa Sesión Vibra Mahou matinal, onde tras o preludio de Mounqup, os vascos Shinova ofreceron un enérxico directo que fixo vibrar aos centos de asistentes desde as súas cadeiras, a pesar da calor do mediodía. Na xornada matinal, a presidenta da Deputación Carmela Silva asistiu aos concertos da Sesión Vibra Mahou e tivo a oportunidade de saudar aos compoñentes de Shinova, así como de coñecer desde dentro do festival as diferentes iniciativas de sustentabilidade que se puxeron en marcha estes días no festival, incluído baixo a marca Rías Baixas Fest, da Deputación de Pontevedra.