Baiona e a Universidade de Vigo reforzan os seus vínculos grazas ao Campus Residencial Universitario

Baiona e a Universidade de Vigo reforzan os seus lazos mediante un encontro que tivo lugar na sede do reitorado e no que participaron o reitor Manuel Reigosa, a Vicerreitora Natalia Caparrini, o alcalde de Baiona Carlos Gómez, directivos de ACEBA e Gonzalo Martínez, o xerente da empresa Campus Spain, responsable da xestión do novo campus residencial de Baiona.

Na reunión Carlos Quintás (vicepresidente da asociación de empresarios) expuxo ao reitor que a pesar do parón que supuxo a pandemia para o Campus Residencial de Baiona que “nos obrigou a demorar o inicio pero nunca deixamos de traballar na idea. Agora é o momento de empezar con enerxías renovadas e, por fin, dar arranque ao proxecto coa vista posta no próximo curso académico”.

Púxose de manifesto o importante logro que supuxo o conseguir varias liñas de transporte que unen Baiona por autoestrada co CUVI en tan só media hora e que, ademais, son gratuítas para os mozos menores de 21 anos. “Este éxito non só é positivo para o desenvolvemento do novo Campus se non que supón unha mellora importantísima para os nosos veciños baioneses que, ata a data, resultáballes moi difícil desprazarse ao CUVI. A implementación do campus será un proceso longo e traballoso pero, co esforzo de todos, conseguiremos facer brillar novamente a Baiona co esplendor de outrora”, puntualizou Quintás.

Pola súa banda o alcalde de Baiona aproveitou o encontro para destacar as bondades que ofrece a vila baionesa aos estudantes e docentes universitarios sinalando como vantaxes a proximidade ao CUVI, dispoñer de todos os servizos nun radio de menos de cincocentos metros, a seguridade, a variedade de opcións deportivas, as súas praias, a magnífica biblioteca e un longo etcétera de atractivos que Baiona pode brindar aos universitarios. Destacou Gómez que este proxecto representará a ruptura do factor estacional e permitirá aos poucos ir recuperando a economía da Vila na longa tempada baixa que transcorre de setembro a xuño.

Marcos Comesaña (Presidente de ACEBA) apuntou a enorme importancia que este proxecto terá para a economía local onde o obxectivo último é atraer investimento e xerar postos de traballo estables e de calidade.

Pola súa banda o reitor mostrouse ilusionado co novo Campus Residencial de Baiona e aproveitou a ocasión para ofrecer toda a colaboración por parte da Universidade para o desenvolvemento do mesmo: “sen dúbida Baiona é o lugar idóneo para residir xa que ofrece todo tipo de vantaxes e servizos aos estudantes, investigadores e docentes”, sinalou Reigosa, que aproveitou tamén o encontro para reforzar os acordos plasmados no convenio asinado no seu día co anterior alcalde de Baiona, Ángel Rodal, ao cal tamén ACEBA agradece o seu apoio incondicional ao campus residencial desde o seu inicio.