Os participantes de “Vincúlate” reciben a visita dos integrantes do proxecto EncaixaT

Os participantes do proxecto “Vincúlate” recibiron unha visita moi especial: un grupo de 16 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos, que forman parte do proxecto socioeducativo EncaixaT, levado a cabo polo Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Tomiño. Os tomiñeses e tomiñesas quixeron coñecer de primeira man o funcionamento deste pioneiro programa posto en marcha polo Concello de Baiona.

Estiveron acompañados polo Alcalde, Carlos Gómez, a concelleira de Servizos Sociais, Conchy Vara, a directora da oficina de CaixaBank en Baiona, Yolanda Pérez, a responsable do proxecto no Concello e a responsable de ADA Intervencións, encargada de traballar cos animais e as persoas participantes. O rexedor, que desde o principio está moi implicado no proxecto e co que os mozos e mozas empezan a ter confianza debido a que é habitual que se achegue ás actividades, detallou os pormenores desta actividade de intervención con animais.

O propósito do encontro entre os participantes de ambos os dous proxectos foi que os mozos e mozas do concello veciño puidesen participar dunha xornada lúdico didáctica e coñecer como os participantes de “Vincúlate” traballan e aprenden a relacionarse cos cans á vez que melloran as súas habilidades sociais e a súa xestión emocional.

Foi un día fantástico no que todos e todas participaron nas actividades de forma conxunta e quedou de manifesto o bo facer dos mozos de “Vincúlate”, que nestes case xa 4 meses de traballo alcanzaron moitos dos obxectivos propostos tanto no que respecta ás súas habilidades, como no relacionado cos cans cos que están a traballar.

A xornada finalizou cun compromiso de devolver a visita feita polos participantes do proxecto EncaixaT que posiblemente terá lugar no mes de setembro.

En canto aos procesos de adopción de cans, hai que apuntar que xa son dous os cans adoptados e que hai tres máis que atópanse en proceso de adopción. Seguindo coa dinámica de facelos partícipes das distintas actividades lúdicas e deportivas e de visibilizar a adopción dos cans, está previsto que o vindeiro xoves día 22, fagan unha saída en bicicleta cos cans polo paseo.

No proxecto tamén participan voluntarios da protectora, dúas delas ademais, estudantes de cuarto curso de veterinaria. Outra moza en prácticas que estuda un ciclo de animación sociocultural e unha psicóloga que colabora con atención máis individualizada a algúns dos mozos e mozas.

A experiencia está a resultar moi enriquecedora tanto para os 30 participantes no proxecto como para as distintas persoas que, dalgunha maneira, colaboran ou participan no mesmo. É o caso da obra social “La Caixa”, que desde que o Alcalde e a concelleira presentáronlle o proxecto non dubidaron en apoialo e mostrar a súa inestimable colaboración. Non podemos esquecer tampouco a inestimable colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Baiona.

Dentro das actividades semanais que se realizan dentro da programación do proxecto, a semana pasada recibiron a visita da responsable do departamento de etoloxía da Facultade de Veterinaria de Lugo, moi interesada en “Vincúlate”, e que mesmo se mostrou moi interesada en realizar un convenio de colaboración xa que lles pareceu moi interesante o traballo que se está levando a cabo en Baiona.

O Proxecto “Vincúlate” foi posto en marcha polo Concello de Baiona desde o departamento de servizos sociais a través do Servizo de educación e apoio familiar municipal en colaboración cos departamentos de orientación dos distintos centros educativos do municipio. O seu obxectivo é promover a melloría das distintas funcións e concretamente das sociais, emocionais e cognitivas así como proporcionar pautas saudables de comunicación.