
A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, acompañada da Responsable de Área, Joaquina Louro, recibiron este pasado mércores a Brais Figueroa Pérez, un rapaz de Gondomar que leva máis de 7 anos loitando para que se lle recoñeza unha indemnización por un accidente de tráfico ocorrido cando realizaba prácticas de grao medio de electrónica de vehículos nun taller da zona.
Na xuntanza a Valedora entendeu perfectamente a situación que está padecendo Brais e, a pesar de que no aspecto xudicial non pode intervir por imperativo do artigo 20 da Lei 6/1984 do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, que regula esta institución, accedeu a recibilo dada a gravidade da situación persoal que está padecendo. María Dolores Galiño comprometeuse a estudar o seu caso para que dentro das súas competencias e posibilidades ver se aínda podía facer algo que lle mellorase a súa situación e púxose á súa enteira disposición para calquera cousa que necesitase. Ao mesmo tempo desexoulle sorte no recurso que vai presentar ante o Tribunal Supremo, agardando que fose satisfactorio para as pretensións de Brais.
“Non podo estar máis que satisfeito e agradecido co trato recibido por parte da Valedora do Pobo e da súa Responsable de Área, que a pesar de que non poden facer nada no eido xudicial, mostráronse moi empáticas coa miña situación e fixeron que non tire a toalla e siga loitando neste caso. Esta visita veu a darme un suplo de esperanza e motivación”, afirmaba Brais Figueroa.
Un caso digno de estudo
No ano 2014 Brais Figueroa estaba cursando estudos de grado medio de Electrónica de Vehículos Automóbiles no CIFP Valentín Paz Andrade, e mentres realizaba as prácticas de formación nun taller mecánico, tivo un accidente de tráfico que lle cambiou totalmente a vida, padecendo dende ese intre moitas secuelas que lle impiden realizar unha vida normal. Dito accidente produciuse co coche do taller no que estaba realizando as prácticas, cando acudía a recoller un reposto a petición do propietario do taller.
O primeiro diagnóstico foi fractura-aplastamento vertebral L1, sendo sometido a unha intervención cirúrxica o 17 de outubro de 2014 efectuándolle unha Fixación Vertebral Percutánea T12-L1-L2 “sitema Viper” con parafusos Poliaxiais e barras lordóticas. Dez meses despois, e tras aportar informes do Dr. Jose R. Troncoso Durán e do Dr. Julián Fernández Martín, retíranlle o material de Osteosíntesis.
Dende que tivo o accidente vén padecendo dor dorsal e lumbar que non foi reducida por esta intervención cirúrxica, sendo proposto para acudir á Unidade da Dor do Hospital Povisa, que tras máis de dez sesións recibindo todos os tratamentos posibles desa unidade (radiofrecuencias, radiofrecuencia bipolar, infiltracións, iontoforese, parches, etc.) non reduciu para nada a dor que estaba padecendo.
Tras ser diagnosticado de síndrome/fenómeno de Nutcracker en TC realizado no Hospital Povisa, e tras o informe do Dr. Moreno, o 31 de outubro de 2017 é sometido a unha nova intervención cirúrxica polo Dr. Emilio Peña no Hospital Álvaro Cunqueiro para a liberación da articulación costotransversa e cabeza costal, sendo dado de alta o 6 de novembro e constando como enfermidade actual no informe de alta: “dolor neuropático que ha recibido todos los tratamientos posibles por la unidad del Dolor (2 radiofrecuencias, la segunda bipolar, infiltraciones, iontoforesis, parches, etc.) el dolor es localizado en articulación costovertebral, intratable e incapacitante”.
Esta última operación de liberación do nervio da articulación costotransversa e cabeza costal, foi a que realmente veu a quitarlle parte da dor que viña sufrindo dende o ano 2014, quedando demostrado que tras todas as sesión da Unidade de Dor, o tratamento con diferentes analxésicos, infiltracións, parches, etc., o único que lle fixo case desaparecer a dor paravertebral foi dita intervención.
Nun primeiro momento, no ano 2014, presentou unha reclamación ante a Consellería de Educación, remitíndoo á compañía de seguros, aínda cando el consideraba que a responsabilidade era da Consellería. Seguiu insistindo varios anos ata que no ano 2017 contestáronlle que a persoa que levaba o caso se xubilara e que tiña que presentar unha nova reclamación. Presentou esta reclamación no ano 2018 e non foi ata o ano 2019 cando lle contestaron que estaba fóra de prazo, que o prazo de reclamación era antes do ano 2016 e que polo tanto lle denegaban a solicitude.
“Por este motivo tiven que acudir aos xulgados, pero para desgraza dunha persoa sen apenas recursos e mal asesorada, os distintos avogados que tiven non fixeron máis que cobrarme por todos os trámites realizados, facendo unha nefasta defensa da miña situación, sendo incapaces de demostrar que a data de curación ou na que as secuelas se mostran como irreversibles, estabilizadas ou consolidadas non é outra que a data da última intervención cirúrxica”, apunta Brais. A xustiza deulle a razón á Consellería de Educación ao considerar tamén que estaba fóra de prazo. Actualmente está pendente de presentar recurso no Tribunal Supremo, unha vez que lle foi concedida unha avogada de oficio.