Regresa da man de “Gondocultura” a música do cantautor local Urbano Cabrera

Gondomar gozará unha vez máis da música de Urbano Cabrera, que actuará mañá venres, 16 de xullo, a partir das 22:30 horas da noite na Praza Paradela, acompañado por un veciño e músico da localidade á guitarra, Juanchi Vázquez. Os asistentes poderán gozar da súa música, a máis recente e de temas clásicos, composicións con coidadas letras nas que mestura temáticas diferentes como as sociais, reivindicativas, de rebeldía ou de amor e desamor.

As súas cancións forman parte do recordo de moitas e moitos e destacou ao longo da súa ampla traxectoria por potenciar o idioma galego no ámbito da música. Este veciño de Gondomar soubo demostrar que a lingua galega ten cabida en toda clase de estilos desde o folk ata ao blues. O propio Urbano Cabrera convida ao público a asistir ao seu concerto, mañá venres 16 de xullo, a partir das 22:30 horas na Praza Paradela.