Os nenos e nenas da Escola de Verán de Baiona visitan a praza de abastos

Os nenos e nenas da Escola de Verán do Concello de Baiona, cuxo programa se desenvolve no CPI Cova Terreña, acudiron á praza de abastos da vila acompañados polas súas monitoras, polo Alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira. Os participantes no programa de conciliación coñeceron de primeira man as características do mercado municipal e os produtos e servizos que alí se ofertan. Moi atentos e atentas asistiron ás explicacións dos propios comerciantes que alí teñen os seus negocios. Os curiosos visitantes fixeron preguntas en grao sumo interesantes aos praceiros e praceiras. Mesmo participaron nunha cata improvisada de queixos para coñecer o produto local.

Esta actividade está enmarcada na programación da escola, que deseñou un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado para que os máis pequenos e pequenas desfruten do verán e coñezan distintos lugares da localidade na que residen. Semanalmente está programada unha saída, esta semana foi a quenda de coñecer a praza e o seu funcionamento, e ao longo destas semanas visitarán o museo flotante da Carabela Pinta, a Casa da Navegación…

A Escola de Verán do Concello de Baiona foi organizada pola Concellería de Igualdade, e ten como obxectivo xeral “facilitar ás familias do municipio un recurso para conciliar a vida laboral, persoal e familiar, establecendo un servizo sociocomunitario que mellore a calidade de vida do territorio, potenciando ademais a optimización de recursos a través da utilización dos centros educativos municipais fóra do horario lectivo”.