
As romarías de San Benitiño, as máis grandes do mes de xullo en Galicia, serán protagonistas esta noite na TVG, que ofrecerá o especial “Eu quero San Benitiño” (22:35 horas), unha intensa e divertida viaxe cargada de música, alegría e unha chea de devoción, xa que moitos aseguran que é un santo ben milagreiro.
As reporteiras do programa, Adela Bértolo, Laura Vaqueiro, María Rial e Belén Vara, serán as encargadas de facer este percorrido tan trouleiro. Para comezar, como non podía ser doutro xeito, estarán na romaría de San Benitiño de Lérez, en Pontevedra. Os fieis acoden ao santuario para mercar o aceite milagreiro e así poder curar as súas espullas, pero tamén gozan do ambiente dunha romaría que se celebra nunha fermosa contorna. Na romaría do Lérez tamén coñecerán os Alegres de Pontevedra, o grupo folclórico máis antigo de Galicia. E, como a tradición manda saborear empanada e mexillóns nestes días, irán na procura destes dous produtos para que a xornada sexa completa.
A continuación visitarán a romaría de San Bieito de Cova do Lobo, no concello ourensán de Barbadás. Alí compartirán festa cos que acoden a pé e tamén descubrirán os segredos do “Tangaraño”, unha rocha milagreira que ten unha tradición de séculos.
O programa deste mércores pola noite tamén estará en Gondomar para vivir unha das celebracións de San Benitiño máis importantes de Galicia. E, na parroquia de Matalobos, no concello da Estrada, as reporteiras participarán nas tradicionais poxas de polos benditos. Nestas datas, o concello pontevedrés de Meis tamén celebra o San Bieito cunha ruta de callos que atrae veciños de toda a contorna e á que tamén acudirán as reporteiras do programa.
Ademais, o espazo “Eu quero San Benitiño” amosará o proceso de elaboración das rosquillas caseiras desta época, afondará na relación de amor que existe entre o churrasco e as romarías e irá na procura dun grupo de rapaces que canten a tradicional peza do “San Benitiño de Lérez”. E, para que non falte de nada, “Eu quero San Benitiño” ofrecerá a actuación do grupo Donicelas, do concello de Salceda de Caselas.